O BNG rexeita dous parques de eólica mariña frente á ría de Vigo
A organización nacionalista defende os intereses da frota pesqueira galega frente os das grandes enerxéticas neste boom eólico depredador que ameaza a Galiza
Xabier P. Igrexas: "Reclamamos ao goberno de Abel Caballero unha posición máis firme para frearmos a gravísima agresión ambiental e para a pesca"
O Bloque Nacionalista Galego avanza unha ofensiva institucional e social para declarar a prohibición de instalacións de parques de eólica mariña na costa da Galiza e considerar a actividade pesqueira como prioritaria, frente aos intereses das grandes empresas enerxéticas. A frente nacionalista rexeita a implantación dos nove parques eólicos que pretenden implantar na costa galega, como son o Volanteiro e Celta II proxectados diante da ría de Vigo, demanda respectar as competencias propias da Galiza –como a ordenación pesqueira ou a protección do medio ambiente- e defender os intereses da frota pesqueira galega, sector fundamental no desenvolvemento social e económico do noso País.
Ademais da deputada do BNG, portavoz de pesca, no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez, e o deputado no Congreso, Néstor Rego, na comparecencia tamén participaron representantes institucionais da frente nos concellos afectados pola posíbel implantación de parques de eólica mariña: Vigo, Nigrán, Baiona, Redondela, Cangas, Oia, A Guarda e O Porriño. Segundo explica o voceiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, a parte sur da costa galega está ameazada por dous proxectos -Volanteiro e Celta II- de eólica mariña promovidos por Ferrovial e Capital Energy
“Pretenden instalar 34 aeroxeradores de grande potencia a apenas 50 quilómetros da nosa cidade. Estes proxecto insírense dentro do boom eólico que o PP está a impulsar e o único que obxectivo que perseguen é insistir na depredación ao noso territorio” afirma o voceiro e candidato á alcaldía. Igrexas reclama ao alcalde de Vigo unha posición máis firme ante esta ameaza “para alén dos reparos sutís que ten formulado até o momento a través dalgúns informes”.
A Xunta de Galiza mantén un discurso ambiguo
Dentro da ofensiva impulsada polas grandes empresas enerxéticas que afectan á Galiza, a deputada e portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez, lembra que se presentaron nove proxectos de eólica mariña para implantar na costa galega, dous deles na zona sur. Pola contra, segundo explica Pérez, estes proxectos estanse a presentar sen aínda estar aprobada a normativa que os regula e, mentres “existe un informe do Consello Consultivo da Galiza a respecto das competencias ligadas á Lei do Litoral, non hai ningún documento sobre a posíbel implantación de proxectos de eólica mariña na nosa costa”.
“No BNG témolo claro: optamos pola potenciación do sector pesqueiro, moi importante no noso País, e un modelo enerxético con participación pública, defendendo o territorio galego. Un modelo afastado ao que defende o Partido Popular que prima os intereses das grandes empresas enerxéticas”
“A Xunta de Galiza mantén un discurso ambiguo e, ante esta situación, presentamos iniciativas no Parlamento galego para que o PP se pronuncie claramente a respecto do que significan estes proxectos e sobre a invasión das competencias propias da Galiza, xa que a ordenación do espazo marítimo, a protección do medio ambiente e a execución das accións sobre o salvamento marítimo son competencias da Xunta” avanza Rosana Pérez.
“O BNG xa expresou con moita claridade a súa posición a respecto da implantación destes parques. Entendemos que a nosa plataforma non é apta para instalar este tipo de parques e mesmo concéntrase un número elevado de embarcacións do sector pesqueiro que non ten comparación con ningún outro punto do Estado español” afirma.
Os gobernos galego e estatal coas empresas enerxéticas
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reforza a idea de que a costa galega non é o espazo axeitado para implantar a eólica mariña polas características da plataforma continental. “O Goberno galego e o estatal están priorizando os intereses das grandes empresas enerxéticas frente aos intereses do sector pesqueiro galego” asevera.
“Estamos diante dunha ofensiva de espolio enerxético ao noso País. Galiza produce xa máis enerxía de fontes renovábeis da que consome: 18 mil xigawatios producimos a través de fontes renovábeis e consumimos 17 mil” afirma.
Neste sentido, Rego explica que xa existen 4.000 megavatios de potencia instalada e a Galiza vai camiño dos 7.000. Pola contra, Madrid ten cero megavatios de potencia instalada e cero proxectos en tramitación. “É máis fácil consumir a enerxía que produce a Galiza, aguantando nós os impactos sociais e económicos, e pagando a enerxía ao mesmo prezo” ironiza Rego.
Estes nove proxectos de eólica mariña propostos para implantarse na costa galega duplican o obxectivo proposto polo Goberno español para todo o territorio do Estado para 2030. “Hai un sobredimensionamento das instalacións eólicas, tanto terrestre como mariña, que están en función dos intereses das grandes eléctricas e non para favorecer o desenvolvemento social e económico do noso País” denuncia o deputado no Congreso.
Por este motivo, avanza o rexistro de iniciativas na cámara baixa para prohibir a instalación de parques de eólica mariña na costa galega e o Cantábrico-Noroeste “atendendo ao principio de precaución e ás características diferenciadas da plataforma continental”.
Así mesmo, insta a redactar o Real Decreto polo que se aproban os POEM co obxectivo de que se respecten as competencias propias da Galiza como a ordenación pesqueira ou a protección do medio ambiente.
“Ímonos opor nas institucións, a través das iniciativas rexistradas tanto no Parlamento de Galiza como no Congreso, así como na rúa con todas as mobilizacións sociais que sexan precisas ás que sabemos que se unirán moitísimas persoas e moitos colectivos que se opoñen, como o BNG, a este proceso de espolio eólico que está sufrindo o noso País” conclúe Rego.