O BNG de Vigo acusa o alcalde de poñerse do lado de Vitrasa e virarlle as costas ao seu persoal

IMG_20190621_101215

O concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, lembra que o servizo de bus urbano é de titularidade municipal e que as condicións nas que se desenvolve afectan e competen ao Concello.

A fronte nacionalista considera moi grave que non se están a permitir os descansos necesarios durante a xornada de traballo do persoal conductor e a deficiencia nas medidas preventivas fronte á Covid19.

Afean que a única decisión adoptada polo Goberno municipal en relación ao bus urbano fose regalar unha prórroga millonaria a Vitrasa.

O BNG de Vigo acusa o alcalde de poñerse do lado de Vitrasa e virarlle as costas ao seu persoal

VIGO, 20 de xuño de 2020.- O Bloque Nacionalista Galego lamentou que a resposta do alcalde de Vigo, Abel Caballero, perante as denuncias e reivindicacións do persoal que traballa no servizo de autobús urbano da cidade fose “botar balóns fóra”. Así o sinalou o concelleiro do  Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, que lamentou que o rexedor volvese, máis unha vez, a poñerse do lado da empresa ao tempo que viraba as costas ao seu persoal que onte se concentraba na praza do Concello.

Igrexas lembroulle a Caballero que o servizo que xestiona Vitrasa é un “servizo de titularidade municipal”. “Por suposto que lle afecta e lle compete ao alcalde en que condicións funciona este servizo e en que condicións traballa o seu persoal”, retrucou. Neste sentido, o edil nacionalista, volveu criticar que o propio rexedor xa se amosou partidario de que este servizo “fundamental e estratéxico para a cidade” continúe a se xestionar de maneira privada, rexeitando a proposta de remunicipalización que o Bloque trasladou no debate do regulamento do transporte de viaxeiros.

“Cando o persoal dos buses urbanos alerta de graves incumprimentos por parte da empresa e tamén do Concello, Abel Caballero olla para outro lado”, sentenza Igrexas. O portavoz municipal nacionalista puxo o acento na denuncia de que a empresa concesionaria non está a permitir os descansos necesarios durante a xornada de traballo do persoal condutor, un feito de “enorme gravidade” e que non só pon en risco a saúde laboral dos e das traballadoras de Vitrasa senón que compromete a seguridade na condución. Xunto a isto, fixo referencia ás deficientes medidas preventivas fronte á Covid19, denunciadas reiteradamente polo Comité de Empresa, como as mamparas inadecuadas que se están a instalar nos buses ou a mala calidade dos EPI.


“En lugar de atender as xustas reivindicacións do persoal e actuar, a única decisión que adoptou Caballero foi unha prórroga que regala 5 anos de millonarios beneficios a Vitrasa e que condena a cidade a un lustro máis dun servizo insuficiente”, remacha Igrexas.

O BNG de Vigo acusa o alcalde de poñerse do lado de Vitrasa e virarlle as costas ao seu persoal