Referentes sociais e culturais da cidade poñen en valor o aniversario do regreso do BNG ao Concello de Vigo

pleno
Toma de posesión de Xabier P. Igrexas como concelleiro do BNG.

A fronte nacionalista celebra un ano da toma de posesión do seu concelleiro, Xabier P. Igrexas, cunha campaña nas redes sociais baixo o lema #EnBloquePorVigo, na que difundirán vídeos de persoas representativas de diferentes sectores nos que valoran o que supuxo o retorno do BNG á Corporación Municipal.

A escritora María Reimóndez, o atleta Victor Currás, o secretario comarcal da CIG Alberto Gonçalves, a filósofa Carme Adán, o histórico sindicalista Manuel Mera ou o activista veciñal Anxo Igrexas, son algunhas das voces que partillarán a súa visión sobre o traballo realizado polo Bloque nos últimos doce meses.

Referentes sociais e culturais da cidade poñen en valor o aniversario do regreso do BNG ao Concello de Vigo

O pasado 15 de xuño cumpríase un ano da sesión plenaria coa que se iniciaba o actual mandato após os comicios municipais do 26 de maio de 2019. Coa toma de posesión de Xabier P. Igrexas como concelleiro, o Bloque Nacionalista Galego recuperaba a presenza institucional no Concello de Vigo, que se vira interrompida nos anteriores catro anos. A fronte nacionalista quixo poñer en valor este feito lanzando unha campaña nas redes sociais na que, baixo o lema #EnBloquePorVigo, difundirán vídeos nos que referentes sociais e culturais da cidade valoran o que supuxo ese regreso e mais o traballo realizado nos últimos doce meses.

“Hai un ano a forza da xente logrou que o BNG regresásemos ao Concello de Vigo. Nestes doce meses, esforzámonos a eito por empurrar, coa complicidade dos movementos sociais, unha alternativa en positivo para darlle a Vigo o novo impulso que necesita. Poñendo os problemas e as necesidades reais da xente no centro. Dando voz a quen outros se negan a escoitar. Desde un compromiso radical coa xustiza social, o feminismo e a ecoloxía. Facendo valer o papel de Vigo como motor do noso País”, resume a xeito de balance o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas.

Voces diversas

Esta mañá publicaron o primeiro vídeo, no que a escritora María Reimóndez, subliñou que o retorno do Bloque incorporou unha visión máis plural da cidade e recoñeceu a proximidade do traballo municipal desenvolvido por Igrexas. Aliás, Reimóndez salientou o compromiso do BNG nun ámbito que considera “vital” como é a cuestión ambiental para lograrmos unha cidade máis habitábel.

A partir de hoxe iranse publicando, nos perfís do BNG local nas redes sociais, preto dunha vintena de vídeos coas valoracións de referentes culturais, como a filósofa Carme Adán, pero tamén de activistas de diferentes movementos sociais, do campo sindical –como o secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, ou o histórico Manuel Mera–. Tamén tomarán a palabra xente moza, estudantado universitario, activistas veciñais –como Anxo Igrexas da AV de Teis, ou deportistas –como o atleta e xornalista Victor Currás–. Referentes locais do Bloque, como son o actual responsábel local, Serafín Otero, o exalcalde Lois P. Castrillo, e a exdeputada no Congreso, Olaia Fdrez. Davila, tamén quixeron valorizar a traxectoria do BNG neste último ano.

“Un ano é tempo abondo para facermos un primeiro balanzo. Pero para facelo quixemos preguntarlle a persoas referenciais da cidade, da organización e, sobre todo de fóra dela. Persoas do ámbito cultural, dos movementos sociais, da loita sindical, do feminismo. Persoas mozas e outras que conservan a memoria viva das loitas históricas que cicelaron a nosa cidade”, explican desde a fronte nacionalista.

Referentes sociais e culturais da cidade poñen en valor o aniversario do regreso do BNG ao Concello de Vigo