O BNG de Vigo acusa a Caballero de “afogar economicamente” o tecido asociativo da cidade
A fronte nacionalista denuncia a nefasta xestión das subvencións municipais ás que se acollen as entidades sen ánimo de lucro da cidade
Xabier P. Igrexas: “O mesmo goberno que cada trimestre presume de que paga a provedores privados en menos de 10 días estrangula o financiamento de asociacións sen ánimo de lucro”
O Bloque Nacionalista Galego acusa o Goberno municipal de Vigo de “afogar economicamente” ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro coa súa nefasta xestión das subvencións municipais.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que “o mesmo goberno que cada trimestre presume de que paga a provedores privados en menos de 10 días, estrangula o financiamento de asociacións veciñais, culturais e de diverso tipo”.
Igrexas subliñou que se trata de entidades sen ánimo de lucro, que prestan un “imprescindíbel servizo público” á cidade co desenvolvemento das súas actividades e que se tornan mesmo “imprescindíbeis nos barrios e parroquias suplindo as carencias e desatencións do propio Concello”.
Para o portavoz municipal nacionalista é “escandaloso” que a finais de agosto inda non se veña de abrir o prazo de solicitude das subvencións anuais da concellaría de Participación Cidadá ou non se convocasen as axudas para actividades culturais. “Resulta especialmente grave que a 8 días de que finalice o prazo de xustificación, o Goberno municipal non teña inda resolto as solicitudes de subvención do Plan de Emprego Municipal”, acrecentou. Unha circunstancia “inexplicábel” que se engade ao deseño dunhas bases a cada vez máis complexas e con requisitos máis difíciles para optar a un financiamento moi escaso que non garante nin tan sequera o mantemento dos empregos máis alá duns poucos meses.
A fronte nacionalista considera inxustificábel que o Concello de Vigo, que conta con recursos folgados e cun orzamento millonario, incumpra os seus propios prazos administrativos, convocando tarde e resolvendo e pagando aínda con maior demora, poñendo en risco que o tecido asociativo da cidade poida seguir desenvolvendo a súa importante actividade en beneficio das viguesas e dos vigueses. “O que debera facer o Concello é facilitar a labor das asociacións que se realiza grazas ao esforzo xeneroso e voluntario de centos de persoas, non dificultala”, enfatizan.
O pasado mes de xaneiro o BNG xa advertira desta situación e demandamos que se anticipase a convocatoria de todas as subvencións municipais ao primeiro trimestre do ano, para garantir desta maneira unha xestión e un pago áxil en favor das asociacións da cidade. “Pero Abel Caballero fixo, unha vez máis, oídos xordos, por iso temos que volver pedir ao alcalde máis xestión e menos propaganda, publicidade e autobombo”, remachou.