O BNG de Vigo pide actuar fronte ao aumento dos atropelos na cidade
A fronte nacionalista urxe a posta en marcha dun Plan Urbano de Seguridade Viaria diante do incremento da sinistralidade
Xabier P. Igrexas: “Non é aceptábel que teñamos unha media de un atropelo cada tres días, hai que actuar”
VIGO, 27 de agosto de 2024.- Desde o Bloque Nacionalista Galego chaman o Goberno municipal a actuar diante da crecente inseguridade viaria que se padece en Vigo e que se manifesta nun elevado número de atropelos, para o que urxen a posta en marcha dun Plan Urbano de Seguridade Viaria.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, alertou de que cada ano prodúcense máis de 2 mil accidentes de tráfico na cidade e nos últimos cinco anos o número de atropelos multiplicouse por cinco. “Só no 2022 (último dato actualizado) foron 109 atropelos o que fai unha media na que en Vigo temos un atropelo cada tres días”, sinalou.
Igrexas demanda que o Concello actúe despregando máis esforzos e medios para o que reiterou a necesidade de dotar Vigo dun Plan Urbano de Seguridade Viaria que teña como obxectivo as cero mortes e sinistros graves, seguindo o camiño das actuacións realizadas con éxito noutras cidades da nosa contorna como Pontevedra.
Obxectivo: mortes cero
“É imprescindíbel poñer en marcha medidas concretas para o calmado do tráfico porque reducir a velocidade do tráfico é a mellor maneira de evitar accidentes graves”, explicou.
Este Plan Urbano de Seguridade Viaria, explicou, ten que facer parte dun novo modelo de mobilidade, onde se priorice o tránsito a pé, o uso seguro de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal e, sobre todo, o reforzo do transporte colectivo como alternativa para reducir o número de coches que circulan a diario en Vigo.
“Lograrmos unha cidade máis segura, sobre todo para os peóns, é unha cuestión esencial e mesmo de vida ou morte”, remachou.