O BNG insta a Caballero a esixirlle a VITRASA o desbloqueo da negociación do convenio e a recuperación de 250 frecuencias suprimidas
A fronte nacionalista urxe o Goberno municipal a abandonar a súa complicidade coa empresa e a actuar xa para evitar a reactivación do conflito que xa provocou unha longa folga indefinida
Xabier P. Igrexas: “Sería unha verdadeira tomadura de pelo que o Concello de Vigo lle entregue outros 12 millóns de euros como indemnización mentres VITRASA insiste en impoñer o empobrecemento do seu persoal e mentres a veciñanza seguimos a padecer un servizo recortado e precarizado”
O Bloque Nacionalista Galego vén de instar o Goberno municipal de Abel Caballero a que se dirixa á dirección de VITRASA para lle esixir á empresa que cese no bloqueo da negociación do novo convenio colectivo e que proceda á recuperación das 250 frecuencias de bus suprimidas desde 2019.
Así o demandou esta mañá o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, para quen “sería unha verdadeira tomadura de pelo que o Concello de Vigo lle entregue outros 12 millóns de euros como indemnización mentres a empresa insista en impoñer o empobrecemento do seu persoal, cunha perda de poder adquisitivo de máis do 14%, e mentres a veciñanza seguimos a padecer un servizo recortado e precarizado”.
Igrexas lembrou que esta nova indemnización, que vén de ser aprobada nunha modificación orzamentaria, engadiríase aos 6 millóns xa recibidos e aos case 13 millóns anuais que recibe polas tarifas bonificadas da Pass Vigo.
“É claro que o único que sabe facer Vitrasa en Vigo é caixa, pero non podemos permitir que se lle sigan regalando inxentes cantidades de diñeiro público a unha empresa que non garante nin os dereitos laborais do seu persoal, nin ofrece o servizo que necesita e precisa a maior cidade de Galiza”, esixiu.
O portavoz municipal nacionalista volveu demandarlle ao goberno de Abel Caballero que “cese na súa permanente complicidade coa dirección de Vitrasa”, como a amosada -apuntou- no último Pleno “cun discurso antisindical máis propio da dereita ultrareaccionaria”, e urxiuno a actuar para evitar que a irresponsabilidade da empresa provoque a reactivación do conflito que xa deu lugar a unha longa folga indefinida.