O BNG de Vigo advirte que o paseo de Bouzas podería continuar fechado até 2022

paseobouzascerrado
[Imaxe: Metropolitano.gal]

O Goberno español confirmou, en resposta por escrito a unha pregunta do deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, que o expediente de concesión inda continúa en tramitación e non sinala ningún prazo nin data concreta.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, alerta de que “mesmo no caso de que a concesión se formalizase a finais deste ano como dixo o alcalde, e tendo en conta os prazos de licitación e de execución da obra, o novo Paseo de Bouzas non estaría rematado antes de 2022, case 4 anos despois do seu peche”.

A fronte nacionalista critica ademais que a actuación se vaia limitar a 528 metros, deixando en “propaganda e papel mollado” o anuncio de Abel Caballero de que ía atinxir desde Bouzas até Samil.

O BNG de Vigo advirte que o paseo de Bouzas podería continuar fechado até 2022

Cando se cumpren 2 anos da clausura do paseo de Bouzas, o Goberno español vén de confirmar, en contestación a unha pregunta do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que a súa concesión ao Concello de Vigo inda continúa tramitándose sen indicar un prazo para a súa resolución definitiva. Así o fixo público esta mañá o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Segundo se recolle na resposta emitida este mesmo mes de agosto, o expediente da solicitude de concesión continúa  os trámites previstos no artigo 152 puntos 11 e 12 do Regulamento Xeral de Costas. “Esa é a única resposta á pregunta de en que prazo previa o Goberno español a efectivización da concesión. Nin unha data, nin un horizonte. Ningunha concreción”, explica Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista sinalou, ademais, que hai que ter en conta que unha vez se formalice a concesión, o Concello terá que licitar a elaboración do proxecto definitivo, e finalmente acometer os traballos que o propio proxecto básico cifraba en 11 meses de execución. Aliás, no orzamento municipal deste ano hai cero euros consignados para a reforma do paseo de Bouzas. “Con ese calendario e nestas condicións, mesmo no caso de que a concesión se formalizase a finais deste ano como dixo o alcalde, o novo Paseo de Bouzas non estaría rematado antes de 2022, case 4 anos despois do seu peche”, advertiu Igrexas.

Actuación tardía e insuficiente

Desde a fronte nacionalista critican que o proxecto “ambicioso” prometido polo rexedor fique nunha actuación parcial en apenas 528 metros, no treito comprendido entre a Igrexa até a ponte da VG-20. Feito, que segundo Igrexas deixa en “propaganda e papel mollado o anuncio feito por Abel Caballero en xaneiro de 2019 e reiterado en varias ocasións de que se ía actuar en toda a faixa marítima desde Bouzas até Samil”. “Diso, nada de nada”, sentenciou.

“O que está a facer o Goberno municipal co paseo de Bouzas é unha chapuza, cunha lentitude de marca olímpica, un parche sen ambición que desaproveita a oportunidade de poder desenvolver unha actuación de calado que permita reconciliar a vila de Bouzas coa súa fronte marítima, e sen ningún tipo de consenso veciñal. Unha tomadura de pelo ás veciñas e veciños de Bouzas e un castigo que se vai prolongar como mínimo até 2022”, remachou.

O BNG de Vigo advirte que o paseo de Bouzas podería continuar fechado até 2022