O BNG de Vigo apoia a folga en Vitrasa e esixe a Caballero que actúe contra a concesionaria
O Bloque Nacionalista Galego expresou o seu apoio ao persoal de Vitrasa que hoxe desenvolveu a primeira xornada de folga das catro convocadas para esta semana. A fronte nacionalista esixe ao Goberno municipal que actúe contra a concesionaria do bus urbano polos seus reiterados incumprimentos e lembra que se trata dun servizo de titularidade municipal.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, comunicouse esta mañá co presidente do Comité de Empresa de Vitrasa, Imanol Arnoso, a quen lle reiterou o total apoio da formación nacionalista á folga convocada perante “os graves e continuados incumprimentos laborais” da empresa que xestiona o autobús urbano da cidade.
“Non podemos tolerar que unha empresa concesionaria dun servizo municipal e que se financia a cargo de millóns de euros de diñeiro público poida non pagar os salarios a tempo, non respeitar os tempos de descanso durante a xornada ou vulnerar dereitos laborais”, advertiu o edil nacionalsita.
Desde o Bloque lembran que a representación sindical dos e das traballadoras de Vitrasa levan meses a denunciar esta situación e da negativa por parte da empresa a negociar a serio un novo convenio colectivo para un servizo público fundamental. “O BNG xa demandamos na última Comisión Informativa de Contratación así como na última sesión plenaria que o Goberno local tiña que actuar esixindo o estrito cumprimento do prego e o respeito ás condicións laborais do persoal. A resposta do Goberno foi o silencio cómplice”, explica Igrexas.
“Onde está o alcalde? Onde está o concelleiro de Contratación? Onde está o Goberno municipal para dar explicacións sobre porque nun servizo municipal se está a desenvolver unha folga polos incumprimentos da concesionaria?”, interpelou o portavoz municipal nacionalista.
“Temos que lamentar que máis unha vez o Goberno de Abel Caballero volve colocarse ao lado do grandes empresas concesionaria, en fronte dos traballadores e traballadoras e de costas aos intereses xerais da cidade”, reprochou Pérez Igrexas, que urxiu o executivo local a actuar “xa” para resolver as causas que motivan a folga.