O BNG de Vigo apoia o persoal de Vitrasa e reclama ao Goberno de Caballero que deixe de ser “cómplice” das grandes empresas concesionarias
A fronte nacionalista reclama que o executivo local exerza as súas competencias como titular do servizo e actúe diante dos incumprimentos da concesionaria do bus urbano.
Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitir que unha empresa que recibe millóns e millóns de euros do Concello teña atrasos no pago dos salarios, nin que o persoal condutor non poida realizar os descansos necesarios durante a súa xornada”.
Tras o anuncio por parte do Comité de Empresa de Vitrasa do inicio dun novo proceso de mobilizacións por causa dos incumprimentos da concesionaria do servizo de autobús urbano de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego trasladou publicamente o seu “total apoio” ao persoal do servizo e reclamoulle ao Goberno municipal de Vigo que deixe de ser “cómplice” dos incumprimentos das grandes concesionarias privadas.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que a fronte nacionalista “levamos moito tempo advertindo o Goberno de Abel Caballero da súa total inacción diante dos reiterados incumprimentos de Vitrasa, unha das grandes concesionarias que recibe millóns de euros de diñeiro do Concello todos os anos”.
Para Igrexas é gravísimo o denunciado polo Comité de Empresa, dado que os incumprimentos da concesionaria estarían a impedir mesmo a realización dos necesarios descansos do persoal condutor durante a xornada, así como o alargamento “maratoniano” da mesma por acima das 10 horas. Aliás, engádese a sistemática desatención da empresa das demandas do seu cadro de persoal en ámbitos como a seguridade e hixiene no traballo, así como a relaxación na aplicación das medidas preventivas fronte á Covid19.
Goberno cómplice
Diante desta situación, o portavoz municipal nacionalista denuncia a complicidade “por acción e por omisión” do executivo local. “O Goberno de Caballero colócase unha e outra vez do lado de Vitrasa, sexa por acción, agasallándolle cunha prórroga da concesión, ou por omisión, sen exercer as súas responsabilidades como titular do servizo permitindo que se incumpra o prego concesional e da normativa laboral”, afirmou.
Desde o BNG volven instar o Goberno municipal a actuar diante de feitos como que se sigan producindo atrasos no pago de salarios, que se produce, lembran, por parte dunha empresa que vén de recibir varios millóns de euros en concepto de indemnizacións pola redución de servizo durante a pandemia.