Xabier  P. Igrexas: “Non podemos permitir a desaparición de Vulcano e Barreras.  Xunta e Goberno español teñen que actuar xa”

Carmela González e Xabier P. Igrexas

O BNG esixe unha intervención pública directa para blindar o futuro do sector naval de Vigo.

Xabier  P. Igrexas: “Non podemos permitir a desaparición de Vulcano e Barreras.  Xunta e Goberno español teñen que actuar xa”

O Bloque Nacionalista Galego volveu urxir solucións para blindar o futuro do sector naval de Vigo, instando os gobernos galego e español a actuaren para evitar a definitiva desaparición dos estaleiros Vulcano e Barreras.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, puxo en valor o acordo unánime atinxido onte no Parlamento galego, a través dunha iniciativa da deputada nacionalista, Carmela González, para esixir que a nova concesión portuaria para o antigo Vulcano estea condicionada a un proxecto industrial de construción ou reparación naval.

Igrexas reclamou ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, a actuar en coherencia co “mandato unánime” da cámara galega poñendo fin á campaña iniciada polo seu predecesor no cargo, Enrique López Veiga, contra o estaleiro de Teis. “Onte grazas ao BNG o Parlamento galego dixo de maneira firme e clara que nas centenarias gradas do antigo Vulcano teñen que volver construírse e reparse barcos. É momento de decisións en favor do naval, como peza fundamental da industria portuaria,e non de ofrendas á Virxe do Carme”, advertiu.

SITUACIÓN LÍMITE

O portavoz municipal nacionalista volveu insistir na denuncia da “situación límite” que atinxe o conxunto do sector naval de Vigo, tanto pola incerteza en Vulcano como polo “momento crítico” que atravesa Barreras. “Estamos a ver síntomas moi claros dun risco real de que Barreras, que é o principail estaleiro privado do Estado, poida liquidarse”, alerta.

Desde a fronte nacionalista reclaman á Xunta de Galiza e mais ao Goberno español “actuar xa para evitar o desastre”, despregando unha intervención pública directa que asegure a contnuidade da actividade e do emprego. “Non podemos permitir a desaparición definitiva de Vulcano e Barreras, porque sería un golpe letal ao futuro indiustrial de Vigo”.

O BNG anunciou publicamente que participará na manifetación comarcal convocada pola CIG en defensa do sector naval, e que decorrerá na tarde de hoxe nas rúas de Vigo.

Xabier  P. Igrexas: “Non podemos permitir a desaparición de Vulcano e Barreras.  Xunta e Goberno español teñen que actuar xa”