O BNG de Vigo pide actuar xa para frear o fenómeno "especulativo" dos pisos turísticos
A fronte nacionalista propón regular cunha ordenanza municipal e medidas urbanísticas o aumento das vivendas para usos turísticos, que superan a oferta para alugueiro
Xabier P. Igrexas: “Esta realidade está elevando os prezos medios do alugueiro e empurrando a expulsión de millares de viguesas e vigueses da nosa cidade”
O Bloque Nacionalista Galego pide actuar xa para frear o fenómeno “especulativo” dos pisos turísticos en Vigo. A fronte nacionalista propón regular cunha ordenanza municipal e medidas urbanísticas o aumento das vivendas destinadas para usos turísticos na cidade, que superan xa a oferta dispoñíbel para alugueiro e están empurrando á alza os prezos medios.
“Non podemos permitir que Vigo continúe sendo o segundo municipio en toda Galiza por detrás de Sanxenxo en número de pisos turísticos”, advertiu o concelleiro e candidato á Alcaldía do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que alertou de que esta situación está agravando o xa grave problema de acceso social á vivenda que padece a cidade, cos prezos máis elevados de toda Galiza.
“Falamos dun fenómeno ademais absolutamente desregulado que está abrindo a porta a moitos abusos”, criticou Igrexas
Reclamou nese sentido actuar con urxencia e determinación para conter este incremento, con máis de 700 pisos rexistrados para usos turísticos na actualidade e coa previsión de que abeiren o millar ao remate do 2022
Desde a fronte nacionalista reiteraron a proposta realizada en maio para poñer en marcha unha ordenanza municipal que regule esta actividade, limitando a súa proliferación, así como adoptar medidas a nivel urbanístico que garantan que as vivendas da cidade non se destinan a usos especulativos senón a facilitar o acceso social e a rebaixar os prezos do alugueiro, que aumentaron até un 40% nos últimos cinco anos.
O edil do BNG lamentou que, mentres centos de viguesas e vigueses non se poidan “permitir hoxe o luxo” de vivir na nosa cidade, o goberno de Abel Caballero veña rexeitando sistematicamente as numerosas propostas do Bloque para garantir o acceso a un dereito esencial como a vivenda, a última o pasado mes de setembro coa negativa do PSOE no Pleno a aprobar unha batería de medidas a nivel municipal.