O BNG de Vigo propón que o Concello asuma avais e seguros para facilitar o aluguer de vivenda
A fronte nacionalista demanda a posta en marcha dun Plan Municipal Facilitador do Alugueiro diante das dificultades que padecen miles de persoas na cidade á hora de acceder a este ben indispensábel.
Tamén propoñen que o Concello anticipe as contías das fianzas para a mocidade e persoas de baixos recursos.
Xabier P. Igrexas: “Propomos medidas concretas e factíbeis para evitar que vivir en Vigo sexa un luxo inalcanzábel para moitas veciñas e veciños”.
O Bloque Nacionalista Galego demanda un Plan Municipal Facilitador do Alugueiro en Vigo diante das dificultades que padecen miles de persoas na cidade á hora de acceder a unha vivenda. A fronte nacionalista propón que o Concello asuma e responda polos avais e seguros que están esixindo as e os propietarios de cara a subscribir os contratos de alugueiro. Así mesmo avogan pola creación dunha liña de axudas para anticipar os pagos das fianzas e permitir a súa devolución en 24 meses sen xuros, especialmente para a mocidade e persoas con baixos recursos.
“Alugar unha vivenda en Vigo é hoxe case unha misión imposíbel”, denunciou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que volveu reclamar políticas públicas que “de maneira enérxica” aposten por facilitar o acceso social a unha vivenda ante os numerosos obstáculos que se atopa a veciñanza da cidade.
Neste sentido, desde o Bloque propoñen que este Plan Municipal inclúa medidas concretas para enfrontar o cada vez maior número de requisitos e esixencias para optar a unha vivenda en alugueiro.
"Son propostas factíbeis para un concello como o de Vigo que conta con acreditada capacidade orzamentaria”, explicou o edil nacionalista.
Igrexas subliñou que a estas dificultades no acceso hai que sumar o continuado encarecemento da vivenda en Vigo, con incrementos dun 40% nos prezos dos alugueiros nos últimos cinco anos que teñen convertido a cidade na máis cara de Galiza para vivir. Ademais, lembrou que hoxe hai xa menos vivendas dispoñíbeis para alugueiro que pisos turísticos operando.
Así, o concelleiro do BNG afeou o feito de que “vivir en Vigo sexa hoxe un luxo inalcanzábel para moitas veciñas e veciños”. Diante desta situación, lamentou a falla de medidas do goberno de Abel Caballero, polo que insistiu na necesidade de actuacións a nivel municipal para reverter a situación.