O BNG de Vigo urxe a reapertura da piscina municipal de Teis
A fronte nacionalista denuncia que inda non se iniciou a licitación das obras despois de case un ano e malia existir desde 2022 unha partida orzamentaria de un millón de euros
Xabier P. Igrexas, candidato á alcaldía: “Case un ano despois do incendio o Goberno de Abel Caballero inda non moveu un dedo para volver poñer en marcha a piscina de Teis”
O Bloque Nacionalista Galego urxe ao Goberno municipal á reapertura da piscina de Teis, que o vindeiro mes de maio cumprirá un ano clausurada tras un incendio que a deixou inutilizábel.
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que a día de hoxe, tal e como consta oficialmente no Perfil do Contratante do Concello, o Goberno municipal de Abel Caballero inda non iniciou a licitación das obras necesarias para a posta en funcionamento da piscina, e malia que desde 2022 hai unha partida orzamentaria dotada con un millón de euros para esta actuación.
Esta situación, que o nacionalista imputa ao “desleixo e nefasta xestión” da concellaría de Deportes, afecta ás máis de 1.500 persoas que eran usuarias da piscina municipal do barrio de Teis. “Case un ano despois do incendio o Goberno de Abel Caballero inda non moveu un dedo para volver poñer en marcha a piscina de Teis”, critica Igrexas.
Recuperar a piscina da ETEA
O candidato do BNG expresou tamén o seu apoio á demanda trasladada pola Asociación Veciñal de Teis de recuperar tamén para o uso da cidadanía a piscina da antiga ETEA, que despois de recibir un importante investimento para o seu equipamento foi tapiada por decisión de Abel Caballero.
“Un barrio tan importante como Teis e tendo en conta a enorme demanda da actual piscina municipal merece dunha segunda piscina que, ademais, podería albergar deportes acuáticos nos que a cidade é unha verdadeira potencia”, defendeu, lembrando o mal estado doutras piscinas como a do Carme, nas Travesas.