O BNG de Vigo pide axilizar as axudas municipais para material escolar e comedor antes do inicio do vindeiro curso

O concelleiro e candidato do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista denuncia que as axudas foron convocadas “inxustificadamente tarde”, polo que reclama celeridade na tramitación diante do momento “crítico” que afrontan moitos fogares ante o incremento dos prezos e o empobrecemento dos salarios

Xabier P. Igrexas: “As familias de Vigo teñen a necesidade e o dereito de coñecer antes de que inicie o próximo curso se son beneficiarias destas axudas vitais” 

O BNG de Vigo pide axilizar as axudas municipais para material escolar e comedor antes do inicio do vindeiro curso

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo pide axilizar a tramitación das axudas municipais para a compra de libros de texto, de material escolar e de gastos de comedor. A fronte nacionalista denuncia que foron convocadas “inxustificadamente tarde”, un mes máis tarde que o pasado ano 2021, polo que demanda celeridade na resolución diante do momento “crítico” que afrontan moitos fogares da cidade debido ao incremento de prezos e ao empobrecemento dos salarios.
 

“Reclamamos ao goberno de Abel Caballero que teña sensibilidade e empatía coa situación e, sobre todo, un compromiso para actuar coa máxima dilixencia na tramitación destas axudas, que son vitais para moitas familias viguesas”, valorou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

O edil nacionalista explicou que as propias bases das axudas fixan un prazo máximo de resolución de seis meses, a contar desde o 9 de agosto. “Sabemos que nunca se consumiu ese prazo formal, mais entendemos que os fogares de Vigo teñen a necesidade e o dereito de coñecer antes de que inicie o vindeiro curso escolar se son beneficiarias destas axudas e en que contía”, subliñou.

Igrexas apuntou que o inicio do curso converteuse xa “nunha especie de nova costa de xaneiro para a inmensa maioría social que representamos as clases populares e traballadoras”

Por este motivo, e ante as enormes dificultades derivadas da suba disparada da inflación, chamou a despregar todos os medios necesarios e tomar as medidas precisas para garantir que estarán resoltas antes da volta aos colexios.

“Só require de vontade política, de mobilizar todos os medios cos que conta unha grande administración como o Concello de Vigo, para non ter a moitas familias esperando de forma agónica pola resolución”, remachou o concelleiro do BNG.

O BNG de Vigo pide axilizar as axudas municipais para material escolar e comedor antes do inicio do vindeiro curso