O BNG de Vigo critica que a humanización dun quilómetro da rúa Aragón se demore máis dunha década
A fronte nacionalista cualifica esta actuación como un exemplo da “ineficacia” do goberno de Abel Caballero, a quen acusa de dividir as obras para realizar máis inauguracións
Xabier P. Igrexas: “Van ser 11 anos de obras intermitentes, con evidentes problemas para a veciñanza e o tráfico rodado, cunha media de humanización de 30 centímetros por día”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo critica a demora das obras de humanización da rúa Aragón, que vén de iniciar a sexta e derradeira fase dos traballos, iniciados no ano 2011. A fronte nacionalista cualifica esta actuación como un exemplo máis da “ineficacia” do goberno de Abel Caballero, por tardar máis dunha década en renovar os apenas 1.200 metros que separan a rotonda de Travesía de Vigo e o edificio Bandeira.
“Un verdadeiro récord Guinness de lentitude na xestión dunha obra pública, unha tardanza inexplicábel nunha actuación que vai superar os sete millóns de euros”, recriminou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. “Van ser 11 anos de obras intermitentes, con evidentes problemas para a veciñanza e o tráfico rodado, cunha media de humanización de 30 centímetros por día”, subliñou.
O edil nacionalista acusou neste sentido ao Goberno municipal de dividir a execución das obras de humanización para así poder inaugurar varias veces o mesmo proxecto.
“Temos a cidade aberta en obras, non porque se estea a facer moito senón porque se fai a pedazos e de maneira moi lenta”, denunciou Xabier P. Igrexas.
O concelleiro do BNG afeou que a planificación das humanización non conte nunca coa opinión da veciñanza, polo que reiterou a necesidade de poñer en marcha unha Comisión de Seguimento da Obra Pública na que participe o movemento veciñal, as organizacións sindicais e persoas expertas co obxectivo de poñer “racionalidade e eficacia” aos proxectos. Lamentou ademais que a humanización da rúa Aragón supoña novos episodios de “arboricidio”, como o perpetrado durante a cuarta fase das obras á altura do número 120, coa talla de varios exemplares de grande porte.
“Estamos diante dun exemplo moi gráfico de como este Goberno municipal, que conta cos maiores recursos económicos na historia da cidade, segue a demostrarse absolutamente inútil á hora de atender as necesidades reais da cidade e de xestionar o seu propio orzamento”, valorou o edil nacionalista.