O BNG de Vigo chama á participación masiva na mobilización feminista do 25N

Carmela González, responsábel local do BNG de Vigo
Carmela González, responsábel local do BNG de Vigo

A fronte nacionalista apela ás viguesas e vigueses a participar na manifestación convocada na cidade e que partirá ás 19:00h desde Vía Norte

Carmela González: “A loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde manifestada en propostas concretas que melloren a aplicación e desenvolvemento das leis e dos seus instrumentos”

O BNG de Vigo chama á participación masiva na mobilización feminista do 25N

IMG-20241117-WA0016

O Bloque Nacionalista Galego fixo este domingo un chamado á cidadanía de Vigo a participar masivamente na mobilización que se celebrará este 25N co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e que na nosa cidade se desenvolverá cunha manifestación ás 19:00h desde Vía Norte. Unha convocatoria promovida por Resposta Feminista e secundada polo conxunto dos colectivos feministas e as principais organizacións sociais e sindicais da cidade.

A responsábel local do BNG en Vigo e deputada no Parlamento galego, Carmela González, explicou que “fronte a negación da violencia machista por parte da dereita españolista, fronte a quen quere converter o 25N nunha data ritual a quen privatiza os servizos ás mulleres vítimas, o BNG berramos alto e claro que a violencia machista non pode ser un negocio”

25N_2024_BNG

Baixo o lema “Contra os feminicidios, máis servizos públicos” a fronte nacionalista desenvolve a súa campaña deste ano polo 25 de novembro, confrontando contra a tentación de reducir a data a “unha simple efeméride na que poñer un lazo lilá co que tapar a falla de recursos e medidas para acabar coas violencias machistas”.

Prioridade política

González enfatizou que “a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde manifestada en propostas concretas que melloren a aplicación e desenvolvemento das leis e dos seus instrumentos”.

Neste sentido, cualificou de “inaceptábel” que 17 anos despois da aprobación da Lei 11/2007 a Xunta do Partido Popular siga sen desenvolver medidas vitais como garantir a atención psicolóxica integral en Primaria, que non aumente o apoio económico aos Centros de Información á Muller para incrementar persoal ou que elimine a optativa de Igualdade no ensino.

Para a nacionalista é unha “indecencia e grave irresponsabilidade” a privatización promovida polo Goberno galego de Alfonso Rueda dos centros de crise 24 horas para as vítimas de violencia machista facendo da violencia machista un obxecto máis das privatizacións dos servizos públicos. “O PP debe rectificar e integrar estes centros no sistema público da sanidade e da política social, dotándoos de recursos humanos e materiais para blindar a atención psicolóxica das vítimas”, esixiu.

O BNG de Vigo chama á participación masiva na mobilización feminista do 25N