O BNG logra o acordo do Pleno de Vigo para que Xunta e Concello destinen máis recursos contra a violencia machista

Ana Martínez no Pleno xunto a Xabier P. Igrexas (esq) e Filipe Abalde
Ana Martínez no Pleno xunto a Xabier P. Igrexas (esq) e Filipe Abalde

Aprobada a moción da fronte nacionalista cunha batería de medidas para que os Gobernos galego e municipal atendan as demandas do movemento feminista

Ana Martínez: “Son imprescindíbeis máis recursos económicos, materiais e humanos para protexernos a todas, ás vítimas da violencia machista e ás que o serán se non o evitamos”

Moción BNG relativa á reivindicación do 25N
O BNG logra o acordo do Pleno de Vigo para que Xunta e Concello destinen máis recursos contra a violencia machista

O Bloque Nacionalista Galego vén de lograr o acordo do Pleno para que a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo destinen máis recursos no combate da violencia machista. A moción da fronte nacionalista cunha batería de medidas para que ambos Gobernos atendan as demandas do movemento feminista resultou aprobada este luns, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, cos votos a favor do PP e a abstención do PSOE.

“Ante o incremento continuo da violencia contra as mulleres, e a banalización e negacionismo que impulsan a dereita e a extrema dereita, cómpren accións firmes e decididas por parte das Administracións para enfrontarmos o machismo e a violencia que provoca sobre a metade da poboación”, defendeu a concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, durante a sesión plenaria.

Martínez afirmou que a violencia machista é o “problema máis importante” que afecta á vida das mulleres, con cifras de vítimas “inaceptábeis” que este 2024 xa superan as rexistradas no Estado durante o pasado ano. “Observamos con preocupación como estas cifras se normalizan no lugar de escandalizar”, alertou, lembrando que neste momento hai máis de 1.400 ordes de afastamento activas e 7.795 casos activos no programa de protección de mulleres vítimas de violencia machista.


Durante o debate, a concelleira nacionalista lamentou a resposta da concelleira de Igualdade contrapoñendo a situación de Vigo con respecto a outras localidades. “É moito triste que se limiten a compararse con outro concellos máis pequenos; ás mulleres o que nos importa é que está facendo o Goberno municipal aquí e agora por aquelas que están sufrindo”, salientou Martínez.

A moción aprobada do Bloque recolle unha batería de medidas para que tanto o Goberno galego como o Executivo local fagan do lema das masivas mobilizacións feministas na cidade “menos discursos e máis recursos” unha prioridade. “Son imprescindíbeis máis medios económicos, materiais e humanos para protexernos a todas, ás vítimas da violencia machista e ás que o serán se non o evitamos”, demandou a edil do BNG.

Medidas da moción do BNG

Entre as demandas da moción nacionalista, destaca a necesidade dun plan de reforzos na área sanitaria para “prestar a atención de saúde mental que precisan” as mulleres vítimas. “Dende hai 17 anos a lexislación contempla que este servizo se preste de maneira integral na Atención Primaria, pero isto non é unha realidade e os programas actuais de atención psicolóxica chegan apenas ao 20% das vítimas”, reprochou Martínez.

Outro dos aspectos fundamentais na loita contra a violencia machista, a xuízo das nacionalistas, é reforzar os recursos de proximidade como o Centro de Información á Muller (CIM). Nese sentido, a moción do Bloque demanda un aumento dos recursos económicos e a fixación de ratios mínimos de persoal así como a ampliación de categorías profesionais. Aliás, recolle o compromiso para poñer en marcha dous novos CIM na cidade para descentralizar e aumentar a súa capacidade de acción.


A moción do BNG insta tamén á Xunta a rectificar na súa intención de privatizar a xestión dos centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual en favor dunha empresa multiservizos allea ao sistema público de saúde. “A violencia machista non pode converterse noutro gran negocio para as empresas amigas”, advertiu a concelleira do Bloque.

Os acordos nacionalistas recollen tamén compromisos para o Concello de Vigo, como un aumento do orzamento para campañas de sensibilización contra a violencia machista, a posta en marcha dun novo programa municipal de apoio a mulleres vítimas, actualizar o Plan Municipal de Igualdade de oportunidades e despregar un Plan de Abolición da Prostitución, na liña do proposto polo BNG no Consello Municipal da Muller en setembro. 

O BNG logra o acordo do Pleno de Vigo para que Xunta e Concello destinen máis recursos contra a violencia machista