O BNG demanda mobilizar máis recursos da Xunta e do Concello de Vigo no combate da violencia machista

Ana Martínez, concelleira do  BNG de Vigo
Ana Martínez, concelleira do BNG de Vigo

A fronte nacionalista traslada unha moción ao Pleno para reivindicar compromisos económicos dos Gobernos galego e local, recollendo as demandas do movemento feminista polo 25N

Ana Martínez: “Ante o incremento continuo da violencia contra as mulleres, e o negacionismo que impulsan a dereita e a extrema dereita, cómpren accións firmes” 

Moción BNG relativa á reivindicación do 25N
O BNG demanda mobilizar máis recursos da Xunta e do Concello de Vigo no combate da violencia machista

O Bloque Nacionalista Galego reclama mobilizar máis recursos da Xunta de Galiza e do Concello de Vigo no combate e na atención da violencia machista. Ás portas do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres, a fronte nacionalista traslada unha moción ao Pleno municipal cunha batería de medias para reivindicar compromisos económicos dos Gobernos galego e local, recollendo as demandas do propio movemento feminista. 

“A violencia machista é o problema máis importante que afecta á vida das mulleres na nosa sociedade”, defendeu na presentación da moción a concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, lembrando que este ano foron asasinadas catro mulleres en Galiza, amais dunha vítima de violencia vicaria.  “Detrás de cada unha desas cifras, hai meses, anos, de sufrimento, de terrorismo machista que incapacita para vivir en liberdade”, lamentou.

Fronte a esta situación “inaceptábel”, con máis de 1.400 ordes de afastamento activas e 7.795 casos activos no programa Viogen, a edil do Bloque reivindicou a necesidade de que as administracións destinen máis recursos económicos, materiais e humanos para protexer ás mulleres. Só no que vai de 2024, subliñou, xa acadamos a mesma cifra de feminicidios no Estado que no ano 2023.

“Observamos con preocupación como as cifras se normalizan no lugar de escandalizar”, advertiu Martínez. Sinalou a ese respecto a proliferación de “discursos negacionistas e banalizadores” impulsados pola dereita e a extrema dereita, así como aqueles que sitúan a violencia machista como “algo individual ou inevitable cando existe unha responsabilidade colectiva, institucional e social”.

Por estes motivos, a fronte nacionalista defenderá este vindeiro luns no Pleno do Concello de Vigo unha moción que recolle o lema das masivas mobilizacións feministas de “menos discursos e máis recursos”, animando ademais ás viguesas e vigueses a se manifestar este 25 de novembro nas rúas da cidade.

Reforzos na atención psicolóxica
 

Entre as demandas, a concelleira do BNG esixiu da Xunta un plan de reforzo na área sanitaria para “prestar a atención de saúde mental que precisan” as mulleres vítimas de violencia machista. “Dende hai 17 anos a lexislación contempla que este servizo se preste de maneira integral na Atención Primaria, pero isto non é unha realidade e os programas actuais de atención psicolóxica chegan apenas ao 20% das vítimas”, reprochou.


Máis recursos para os CIM

Outro dos aspectos fundamentais na loita contra a violencia machista, a xuízo das nacionalistas, é reforzar os recursos de proximidade como o Centro de Información á Muller (CIM). Nese sentido, o Bloque demanda tanto do Executivo galego, responsábel do seu financiamento, como do Goberno municipal, titular do centro, que incrementen tanto os recursos económicos como a fixación de ratios mínimos de persoal e da ampliación de categorías profesionais, unha demanda histórica da cidade e das traballadoras. E diante da sobrecarga do único centro en Vigo, a fronte nacionalista reclama poñer en marcha dous novos CIM na cidade para descentralizar e aumentar a súa capacidade de acción.

Rectificar a privatización dos centros de crise

A moción do BNG esixe tamén unha rectificación da Xunta na súa intención de privatizar a xestión dos centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual. “A Xunta pretende poñer a xestión destes novos centros, tan necesarios para a protección das mulleres, en mans dunha empresa multiservizos allea ao sistema público de saúde e cunha proposta de cadros de persoal ridícula”, criticou Martínez. “A violencia machista non pode converterse noutro gran negocio para as empresas amigas”, advertiu.
 

Prioridade do Concello de Vigo

Dende a fronte nacionalista instan ademais na súa moción a que o Goberno municipal faga das políticas feministas unha prioridade na axenda do Concello. Entre as medidas concretas, o Bloque pide aumentar o orzamento para campañas de sensibilización contra a violencia machista, poñer en marcha un novo programa municipal de apoio a mulleres vítimas desta violencia, actualizar o Plan Municipal de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e despregar o próximo ano un Plan de Abolición da Prostitución, tal como propuxo o BNG no Consello Municipal da Muller o pasado setembro. 

O BNG demanda mobilizar máis recursos da Xunta e do Concello de Vigo no combate da violencia machista