O BNG afea a negativa de Caballero no Pleno a unha batería de medidas para un Vigo máis verde

Xabier P. Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde no Pleno de Vigo
Xabier P. Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde no Pleno de Vigo

Lamenta o non por parte do PSOE dunha emenda nacionalista con acordos concretos para avanzar cara a unha cidade máis sustentábel a nivel medio ambiental

Xabier P. Igrexas: “Esta moción é unha broma pesada por parte dun Goberno que practica un arboricidio diario ou quere tronzar o rural de Vigo con viais innecesarios”

O BNG afea a negativa de Caballero no Pleno a unha batería de medidas para un Vigo máis verde

O Bloque Nacionalista Galego afea a negativa do PSOE de Abel Caballero a despregar unha batería de medidas para avanzar cara un Vigo máis verde e sustentábel a nivel medio ambiental. Así o criticou este luns o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, durante o debate no Pleno municipal dunha moción socialista sobre esta materia que foi obxecto dunha emenda nacionalista.

“Esta moción é unha provocación e unha broma pesada”, manifestou Igrexas en relación á proposta do PSOE, lembrando as numerosas eivas e actuacións contrarias ao medio ambiente por parte do Goberno de Caballero. Lamentou nese sentido o “arboricidio diario do alcalde leñador”, en relación ás tallas inxustificadas que se repiten na cidade, e a “política de brazos caídos” diante das reiteradas denuncias de vertidos no río Lagares.

O portavoz nacionalista acusou tamén o alcalde de “vandalizar” cada ano os xardíns históricos e catalogados da Alameda coa instalación do chamado Cíes Market “en beneficio só dunha empresa privada” así como de ser “abandeirado do turismo de masas por terra, mar e aire” malia os seus impactos na cidade. 

“O único cambio no zoo foi o do seu nome”, criticou Igrexas en relación a outro dos puntos da moción, insistindo na urxencia de abandonar o actual modelo exhibicionista. E recordou ademais como o Goberno local promove dous viais, a ampliación da A-52 e a PO-010, que ameazan con tronzar o rural da cidade e con graves impactos ambientais, como quere impoñer unha “moi mala copia de Madrid Central” para a implantación das Zonas de Baixas Emisións, e como está volver encher dun novo paseo de formigón o areal de Samil.

Anel verde e reconversión do zoo

Fronte a este contexto, dende o BNG defenderon no Pleno unha batería de alternativas para un Vigo máis verde con actuacións tanto da Xunta de Galiza como do propio Concello, que foron tombadas polos socialistas. “Con toda a nosa xenerosa cooperación, trasladamos estas propostas para darlle a oportunidade aos Gobernos de Caballero e Rueda de rectificar”, afirmou Igrexas.
 

En relación ao Goberno galego, dende o Bloque esixiron máis medios para a conservación, mellora e posta en valor dos recursos medio ambientais da cidade. E tamén maior cooperación co Concello para facer realidade proxectos como o prometida faixa de protección forestal, o anel verde, ou a conversión do zoo da Madroa nun espazo de recuperación da fauna e flora en lugar do parque multiaventura que pretende Caballero.

Retirar do PXOM a A-52, a PO-010 e o VigoArena

A emenda da fronte nacionalista demandaba tamén retirar do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) en tramitación aqueles proxectos cun elevado impacto ambiental. Entre eles, o vial de alta capacidade PO-010 e o trazado da ampliación da A-52, así como manter a condición de zona verde da carballeira de Casaliños na Barroca (Navia) sobre a que se proxecta o Vigo Arena e de protección de costas das parcelas situadas no vértice norte de Cabo Estai sobre as que se están levantando chalés VIP.

Rexeneración de Samil e refuxio de animais da Madroa

Dende o Bloque reiteraron na mesma liña a necesidade de reformular o proxecto para a recuperación do sistema dunar de Samil, reclamando a rexeneración integral do areal cun sistema de pasarelas de madeira en lugar dun novo paseo de formigón máis largo que o actual. Ou acometer melloras urxentes no Refuxio Municipal de Animais da Madroa, retomando a colaboración coa asociación Protectora de Animais de Vigo.

Outras medidas propostas polas nacionalistas chaman a executar os acordos en favor do benestar animal aprobados polo Pleno en decembro de 2022; a posta en marcha dun Plan Integral de Protección do Arboredo Urbano e a actualización da Ordenanza de Medio Ambiente; lograr a declaración de ENIL dos ríos Lagares, Eifonso e Barxa e un sistema de alertas por vertidos; ou aplicar a recollida separativa de augas pluviais na rede de saneamento.
O BNG afea a negativa de Caballero no Pleno a unha batería de medidas para un Vigo máis verde