O BNG de Vigo propón un Bono de Consumo para mitigar o impacto da inflación nas familias e no comercio local
A fronte nacionalista chama a despregar todos os medios municipais para protexer aos sectores máis vulnerábeis e para reforzar ao pequeno e mediano comercio neste contexto de emerxencia social e económica
Xabier P. Igrexas: “O Concello de Vigo dispón dunha ampla capacidade orzamentaria e ten que priorizar o uso deses recursos para axudar a quen máis o necesita”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo propón a creación dun Bono de Consumo que permita mitigar o grave impacto da inflación nas familias e no pequeno e mediano comercio local. A fronte nacionalista chama a despregar todos os medios do Concello para enfrontar o actual contexto de emerxencia social e económica derivado dun incremento disparado dos prezos, que se sitúa xa no 11,7% na cidade.
“Trátase dunha medida que permitiría incrementar a capacidade de compra dun número moi importante de familias da nosa cidade, para que estean en mellores condicións de sortear este período de graves dificultades, así como estimular o consumo no pequeno e mediano comercio local”, explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
O edil nacionalista sinalou que este Bono de Consumo no comercio local sería semellante ao aplicado en numerosos concellos galegos durante a pandemia, unha medida que o goberno de Abel Caballero se negou a poñer en marcha de forma sistemática.
Igrexas cifrou en 3,5 millóns de euros a partida inicial para este complemento, unha cantidade “lixeiramente superior” ao que se vai destinar este ano para os concertos de verán.
O concelleiro do BNG alertou dunha situación límite para centos de familias traballadoras viguesas que “teñen dificultades para afrontar os gastos máis básicos e garantir con medios suficientes a súa subsistencia material”. Un crecente empobrecemento, asegurou, que se traduce nunha caída do consumo que afecta con especial dureza ao pequeno e mediano comercio da cidade.
Igrexas salientou que o Concello de Vigo dispón dunha “ampla capacidade orzamentaria” e ten que priorizar o uso deses recursos para “axudar a quen máis o necesita”, así como estimular ao comercio local que “dinamiza e vertebra os nosos barrios e parroquias e crea emprego digno e estábel”.
Desde a fronte nacionalista insistiron na urxencia de que todas as Administracións Públicas actúen para responder a esta situación de emerxencia social. No caso do Concello de Vigo, o edil do Bloque reiterou a necesidade de que se convirta nun “verdadeiro parapeto social” que protexa ás clases populares e traballadoras.