O BNG de Vigo critica a “irresponsabilidade compartida” de Concello e Porto no abandono do Paseo das Avenidas
Xabier P. Igrexas: “A decisión xudicial demostra o que xa advertimos no seu momento desde o BNG: que a falla de colaboración entre diferentes administracións ten graves efectos para a cidade”.
O Bloque Nacionalista Galego critica a “irresponsabilidade compartida” do Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria en relación á xestión do Paseo das Avenidas onde tivo lugar o grave accidente no Marisquiño, que deixou 467 persoas feridas durante a edición do ano 2018. A fronte nacionalista valora que a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) é unha evidencia de como “as permanentes leas e a falla de cooperación entre administracións teñen graves efectos” para a cidade.
“Ese xogo perverso, de guindarse a pelota un a outro, acabou por se traducir nun evidente abandono do paseo das Avenidas, que creou as condicións que provocaron o gravísimo accidente no Marisquiño”, denunciou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que a decisión xudicial ratifica as advertencias das nacionalistas ante os riscos que supón ese “concurso de irresponsabilidades” por parte do Concello e do Porto.
Igrexas pediu rematar co uso das institucións en beneficio dos intereses partidistas e chamou a sumar de sumar esforzos en favor da cidade. “Vigo avanzou sempre que contou cun Goberno municipal que, desde a lexítima discrepancia con outras administracións e esixindo con firmeza que cumpran con Vigo, propiciou un marco de colaboración en beneficio da nosa cidade”, apuntou o edil nacionalista.
A sentenza do TSXG rexeita a interpretación que até o momento sostiña o Concello de Vigo, que limitaba as súas competencias ao mantemento dos ámbitos superficiais do paseo. Aliás, apunta tamén a responsabilidade da Autoridade Portuaria como titular último desta infraestrutura, por desatenderse do estado do paseo. Circunstancias que, en opinión do Bloque, deixan en evidencia os efectos “letais” da falla de cooperación.
Por un novo modelo de residencias
O concelleiro do BNG en Vigo participou este venres da manifestación nacional convocada polos sindicatos CIG, CCOO e UXT para reclamar un convenio digno para o persoal das residencias privadas de maiores. En declaracións aos medios de comunicación trasladou o total apoio da fronte nacionalista ás “lexítimas” reivindicacións deste colectivo fortemente feminizado, que padece altas taxas de precariedade. “Cremos que é momento de abordar dunha vez por todas un cambio de modelo das residencias”, subliñou durante a mobilización.
Igrexas destacou a proposición de lei presentada polo BNG no Parlamento galego para mudar o actual modelo “de absoluta precariedade que privatiza e converte en negocio algo tan importante como os coidados das persoas dependentes e da terceira idade en beneficio só das empresas amigas do PP. O edil nacionalista pediu apostar nun modelo que garanta o dereito aos coidados desde o público e que impida que sigan explotando o persoal deste sector.