O BNG de Vigo insta Caballero a aclarar se se utilizaron medios municipais para captar apoios polo indulto do Caso Enchufe
A fronte nacionalista esixe clarificar as informacións xornalísticas que apuntan que membros do Goberno municipal contactaron con entidades locais para lograr a adhesión.
Xabier P. Igrexas: “O alcalde de Vigo ten que deixar de fuxir e dar explicacións por unha cuestión de mínima hixiene democrática e transparencia”.
O Bloque Nacionalista Galego insta o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a aclarar se se utilizaron medios municipais para captar apoios polo indulto parcial de Francisco Javier G.O., exfuncionario do Concello condenado polo conocido como Caso Enchufe. A fronte nacionalista esixe clarificar as informacións xornalísticas publicadas nos últimos días que apuntan que membros do Goberno municipal contactaron con entidades e asociacións locais para lograr a súa adhesión na solicitude de indulto.
“Entendemos que Abel Caballero ten que deixar de fuxir e dar explicacións por unha cuestión esencial, de mínima decencia, hixiene democrática e transparencia”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, en relación a esta trama de corrupción que se traduciu no “roubo” de 108 mil euros de diñeiro público para contratar de forma irregular á cuñada da tenente de alcalde, Carmela Silva, como constatou a sentenza do Tribunal Supremo.
Igrexas demandou que o alcalde de Vigo explique “de maneira clara e rotunda” se foron utilizados recursos municipais, como teléfonos ou equipos informáticos, no proceso de recollida de adhesións. O edil do BNG esixiu aclarar tamén se membros do Goberno local estiveron contactando ou exerceron algún tipo de presión nas últimas semanas, como revelan as informacións xornalísticas, para obter estes apoios de diferentes entidades locais.