O BNG de Vigo cualifica de “indecente e covarde” a ausencia de Caballero no Consello de Administración da Autoridade Portuaria que retira a concesión de Vulcano
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero en lugar de defender como alcalde o futuro do naval en Vigo decidiu escapar, facendo de comparsa do secretario de Estado de Infraestruturas, para tirar unha foto na reapertura túnel do Folgoso na Cañiza”
PERSOAL MUNICIPAL¬ O BNG trasladoulle ao Comité de Persoal do Concello o seu pleno apoio e instou o Goberno local a “unha emenda á totalidade da súa nefasta política laboral”.
1 DE MAIO¬ A fronte nacionalista fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola CIG este 1 de maio para evitar que a crise se converta nun novo saqueo antisocial. A portavoz nacional, Ana Pontón, participará da manifestación de Vigo.
O Bloque Nacionalista Galego criticou con dureza a ausencia do alcalde de Vigo, Abel Caballero, na xuntanza do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo, decorrida esta mañá, e na que se acordou iniciar a extinción da concesión do antigo Vulcano.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “indecente e covarde” a incomparecencia do rexedor. “Abel Caballero en lugar de defender como alcalde o futuro do naval en Vigo decidiu escapar, facendo de comparsa do secretario de Estado de Infraestruturas, para tirar unha foto na reapertura túnel do Folgoso na Cañiza”, reprochou.
Igrexas lamentou que o alcalde “abdicase das súas responsabilidades” diante dun debate transcendental para o futuro do estaleiro da antiga Vulcano e denunciou que coa súa ausencia acabou por se aliñar na campaña contra o sector naval emprendida polo Partido Popular. “Autoproclámase ‘alcalde da economía’ pero hoxe demostrou que a economía real, a base produtiva e o emprego, non lle importan nada. É só o alcalde da fanfarria, da propaganda e o autobombo”, afeou.
A decisión adoptada de incoar o expediente de extinción da concesión portuaria de Vulcano, e que só contou coa oposición do representante sindical da CIG, supón para o BNG avanzar na folla de rota trazada polo anterior presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, para finiquitar un estaleiro centenario para o converter nunha extensión da terminal de contedores.
O portavoz municipal nacionalista advirte de que o acordado, co consenso dos representantes de PSOE e PP, supón sabotar o desenvolvemento do proxecto industrial que o novo estaleiro San Enrique estaba poñendo en marcha. Neste sentido, Igrexas xulga “gravísimo” que a retirada da concesión teña provocado xa a anulación de encomendas no novo estaleiro, tal e como veñen de denunciar as organizacións sindicais.
Aliás, desde a fronte nacionalista insisten na situación crítica que atravesa o conxunto da construción e reparación naval e defenden a necesidade dunha decidida intervención pública directa para blindar o seu futuro.
PERSOAL MUNICIPAL¬ Emenda á totalidade á nefasta política laboral do Goberno
Após participar nun encontro do Comité de Persoal do Concello con todos os voceiros das forzas políticas da oposición, Pérez Igrexas, reiterou o “total e absoluto” apoio do BNG ás reivindicacións do persoal municipal e urxiu unha “emenda á totalidade” á nefasta política laboral do Goberno local.
Igrexas afirmou a súa coincidencia coas denuncias que vén trasladando a representación sindical a respeito das “graves deficiencias” na xestión da área de persoal e na organización dos servizos. Para o edil nacionalista é especialmente grave a falla de persoal, resultado da continuada inexecución das ofertas de emprego público, e o continuado proceso de privatización de servizos a través da contratación e concesión dos mesmos a empresas privadas.
Desde o Bloque subliñan que as demandas do Comité de Persoal non se refiren só “a lexítimas reivindicacións de mellora das condicións laborais” senón que atinxen de maneira directa á calidade dos servizos que se prestan á cidadanía. “As viguesas e os vigueses non podemos seguir padecendo a falla de seguridade por non ter suficientes bombeiros, non podemos continuar soportando esperas eternas para trámites sinxelos, ou que habendo orzamento suficiente non se atendan as necesidades do conxunto da cidade pola falla de persoal nos diferentes servizos”, reclaman.
En opinión do BNG a negativa do alcalde de recibir ao Comité de Persoal sumada á decisión “gravísima e intolerábel” de impedir a realización dunha asemblea de traballadores/as convocada o pasado mércores, debe marcar un “punto de inflexión”. “Non se pode tolerar que o Goberno municipal siga vulnerando os dereitos sindicais e fundamentais do persoal do Concello, nin que trate o Comité de Persoal como un patrón do século XIX”, afirmou. A este respeito, reiterou que o relevo de Elena Espinosa por Patricia Rodríguez Calviño, como concelleira delegada de Persoal, ten que traducirse nun cambio real de actitude polo Goberno.
1 DE MAIO¬ Chamamento á mobilización
O BNG sairá ás rúas de Vigo e de todo o país no Día Internacional da Clase Traballadora, para esixir a adopción de políticas sociais e económicas que atendan as necesidades reais das clases populares e traballadoras, agravada pola pandemia que estamos a padecer.
Para o BNG é fundamental contar cun plan de recuperación económica, social e industrial que impulse a recuperación do emprego e a mellora das condicións laborais. Para acadar isto é necesario acometer a derrogación das reformas laborais e das pensións, entre outras medidas, co fin de protexer os dereitos e intereses da maioría dos galegos e galegas.
Na Galiza temos os salarios e as pensións máis baixas do Estado español. A aplicación dos ERTE provocou unha caída de rendas aínda maior, resultando nun aumento do empobrecemento de amplos sectores da clase traballadora, cebándose especialmente coas mulleres e a mocidade.
No caso da comarca de Vigo a destrución de emprego e a falta de políticas de reindustrialización, por parte da Xunta de Galiza e o Goberno do estado, deixan un panorama desolador. Só na cidade olívica destruíronse no último ano 2500 empregos na industria, o que dá conta do avance da desertización da base produtiva.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou a falla de reposta por parte da Xunta de Galiza á “situación de emerxencia social, laboral e produtiva” que atravesa a cidade e o conxunto área de Vigo, e denunciou a insuficiencia das políticas adoptadas polo Goberno español, ao ditado da Unión Europea, e a ameaza de novas reformas regresivas. “Non podemos permitir que a crise se converta nun novo saqueo antisocial, nin que se perpetre unha nova reconversión encuberta que desertice a base produtiva de Vigo e de Galiza mentres se mantén o espolio dos nosos recursos”, proclamou.
A fronte nacionalista fai un chamamento activo a participar nas mobilizacións convocadas pola CIG, que na cidade de Vigo partirá ás 12 da mañá desde A Dobrada, e na que participará a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.