O BNG de Vigo critica a exclusión da música en galego nos concertos do Terraceo
A fronte nacionalista insta o Goberno local a rectificar unha programación na que só 2 das 40 actuacións confirmadas son de grupos musicais en lingua galega.
O concelleiro, Xabier P. Igrexas, cualifica de “raquítico, empobrecedor e galegófobo” o programa promovido polo Concello de Vigo.
REMANENTES¬ O Bloque critica que Abel Caballero insista en “enterrar en gasto inaugurábel” os 13 millóns de remanentes e demandan que se destinen a enfrontar os brutais efectos da crise na cidade.
O Bloque Nacionalista Galego denunciou a exclusión da música galega e en galego na programación de concertos da segunda edición do festival Terraceo, organizado polo Concello de Vigo, e que substitúe os grandes concertos de verán. Só dúas dun total de corenta actuacións son de grupos en lingua galega, concretamente as de Os Resentidos e Baiuca.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, instou o Goberno local a rectificar unha programación que cualificou de “raquítica, empobrecedora e galegófoba”. “O que merece a cidade é unha programación de concertos variada, que non deixe fóra a música en galego, e que non sexa deseñada segundo os gustos do alcalde, dun concelleiro ou dos seus produtores de confianza”, reclamou.
Desde a fronte nacionalista salientan que a escena musical viguesa e galega ten “referencias de primeirísimo nivel e de grande potencia” con grupos e artistas que empregan a nosa lingua propia.
Igrexas subliña que o executivo de Abel Caballero está a tempo de corrixir ese deseño, toda vez o programa de concertos apenas vén de encetar o pasado 1 de maio. O portavoz municipal nacionalista reclama que “non se pode seguir deixando fóra a música galega e en galego na principal cidade de Galiza”.
REMANENTES¬ Rexeitan enterrar máis recursos en gasto inaugurábel
Diante da convocatoria de Pleno Extraordinario, este martes, para a aprobación definitiva dunha nova modificación orzamentaria coa mobilización de 13 millóns de euros dos remanentes municipais, desde o BNG insisten en denunciar a súa falla de orientación “Non podemos compartir que neste contexto de evidente crise social, laboral e produtiva, onde hai importantes necesidades por atender, o Goberno municipal queira destinar 13 millóns de euros de remanentes a enterralos en gasto inaugurábel. Non parece razoábel que Abel Caballero insista en ser o alcalde do único concello das 7 cidades galegas que non ten destinado nin un euro de axudas directas ao sector do pequeno comercio ou a hostalaría, e priorice actuacións como o ascensor de Star Trek”, explica Igrexas.
Desde o Bloque xa formularon unha alternativa completa que elevaba a 23,5 millóns de euros a mobilización destes recursos extraordinarios, pero orientándoos a atender as necesidades reais da cidade derivados da crise da Covid19 e tamén a poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias. Con ese obxectivo as nacionalistas propoñen unha liña de 10 miullóns de euros para un programa de axudas directas a PEMEs, ao tecido comercial e a hostalaría, e tamén un programa específico de axudas á industria cultural e outro ao tecido asociativo sen ánimo de lucro, dotados con 2,5 millóns e 1 millón e medio, respectivamente.
Para enfrontar a emerxencia laboral que atravesa a cidade, con máis de 24 mil persoas desempregadas, defenden aumentar a partida do Plan de Emprego Municipal con 2.5 millóns de euros adicionais, “menos do que o alcalde quere destinar a subvencionar aeroliñas privadas en Peinador”.
Co obxectivo de non seguir concentrando o investimento en grandes actuacións na zona centro mentres os barrios continúan coas súas necesidades sen atender, propugna tamén a posta en marcha un plan de actuacións e melloras en todos os barrios e parroquias da nosa cidade, dotado con 7 millóns de euros.
“A todas estas propostas construtivas, que o que pretenden é centrar os esforzos no verdadeiramente importante, o Goberno municipal do PSOE dixo NON e mantén a súa proposta inicial sen ter en conta ningunha das achegas que se lle formularon desde a oposición nin desde o tecido asociativo. É claro que Caballero goberna como se non existise pandemia, nin crise, completamente fóra da realidade”, remacha Pérez Igrexas.