O BNG de Vigo cualifica de “tomadura de pelo” que Caballero diga que o centro comercial Vialia beneficiará o pequeno comercio
A fronte nacionalista alerta de que a instalación de novas grandes áreas comerciais facilitará a desertización do tecido comercial dos barrios e demanda unha moratoria de 10 anos para novos centros.
Xabier P. Igrexas: “O único que provocará Vialia será concentrar o consumo nese centro comercial, en prexuízo directo doutras zonas comerciais como Príncipe ou O Calvario”.
A deputada e portavoz de Comercio do BNG no Parlamento galego, Carmela González, critica a falla de apoio ao pequeno comercio de Xunta e Concello e lembra que o 20% do sector xa se viu abocado ao feche.
O Bloque Nacionalista Galego reaccionou esta mañá ás recentes declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, nas que afirmaba que a próxima apertura do centro comercial Vialia, na nova estación de ferrocarril da cidade, beneficiará ao pequeno comercio, cualificándoas, por boca do seu portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, de “tomadura de pelo e broma de mal gusto”. A fronte nacionalista insiste en denunciar que a cidade está saturada de grandes centros comerciais e demanda unha moratoria de dez anos na apertura de novas áreas. Desde o Bloque critican a falla de apoio por parte da Xunta de Galiza e o Concello de Vigo ao sector comercial.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, considera “inaceptábeis” as declaracións de Caballero. “O alcalde, como economista, coñece perfectamente que o efecto da instalación de grandes centros comerciais o que provoca é precisamente a desertización do tecido comercial endóxeno. Non é algo novo e está máis que acreditado empíricamente. A máis áreas comerciais, menos pequeno comercio”, retrucou.
Igrexas subliña que o pequeno e mediano comercio vertebra os barrios, dinamiza economicamente o conxunto da cidade e xera emprego estábel, fronte ao modelo de precariedade e especulación que envolve os grandes centros comerciais promovidos por grandes corporacións transnacionais.
O portavoz municipal nacionalista denuncia que a cidade xa está “saturada” de grandes áreas e demanda unha moratoria de dez anos na autorización para a apertura de novos centros comerciais en Vigo. “Abonda con dar un paseo polos centros comerciais que xa existen en Vigo para ver a realidade de locais baleiros e sen actividade. O único que provocará Vialia será concentrar o consumo nese centro comercial, en prexuízo directo doutras zonas comerciais como Príncipe ou O Calvario”, explicou.
Falla de apoio ao sector
Desde a fronte nacionalista critican a falla de medidas de apoio efectivo e real ao tecido comercial por parte da Xunta de Galiza e o Concello de Vigo. Neste sentido, a deputada e portavoz de Comercio do Bloque no Parlamento galego, a viguesa Carmela González, denunciou a “total insuficiencia” das liñas de axuda “raquíticas” despregadas pola Xunta e afeou que o Concello de Vigo sexa o único das sete cidades galegas que non puxo en marcha ningún programa de axudas directas ao sector.
González explicou que a situación do sector é límite e que preto dun 20% do comercio galego xa tivo que botar o feche. “En Vigo hoxe temos 1.250 locais comerciais baleiros, co letreiro de alúgase na porta e sen actividade. A situación irá a peor se as administracións non actúan para axudar o sector”, advirte.
Para a deputada nacionalista a proliferación de grandes áreas comerciais, como o novo centro Vialia, supoñen unha “verdadeira ameaza” para a subsistencia do pequeno comercio, que se torna inda máis grave neste contexto de crise. “É moi difícil de crer o relato de Caballero de que quen vaia comprar a Vialia vai ir consumir a unha pequena tenda en Travesas ou Teis. É cínico dicir que a súa apertura vai beneficiar o comercio local porque a realidade vai ser a contraria”, reprochou.