O BNG de Vigo demanda máis recursos para políticas sociais en lugar da “propaganda obscena” de Caballero
A fronte nacionalista afea que o alcalde presuma da concesión dunhas poucas axudas de emerxencia cando o Concello tarda 2 meses en tramitalas, ten os servizos sociais colapsados por falla de persoal e recortou o orzamento nun 48% dende o ano 2020
Xabier P. Igrexas: “A media das axudas outorgadas no que vai de ano é de 336 euros, menos do que se paga aos membros da Corporación por asistir a un Pleno ordinario”
O Bloque Nacionalista Galego demanda máis recursos para políticas sociais en Vigo en lugar da “propaganda obscena” de Abel Caballero coa concesión das axudas de emerxencia do Concello. “Onte escoitamos ao alcalde presumir do outorgamento de 106 novas axudas a familias en situación de vulnerabilidade social, o que non dixo é que a súa tramitación chega a demorar até 2 meses”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
A fronte nacionalista considera este tipo de declaracións como “a demostración da absoluta falla de sensibilidade social do Goberno municipal”, a quen afea que se destinen máis recursos a subvencionar aeroliñas privadas en Peinador ou a luces e adornos de Nadal que a atender as necesidades das máis de 60 mil viguesas e vigueses en risco de exclusión social e pobreza, segundo datos do índice oficial Arope.
“Falamos de que a media das axudas outorgadas no que vai de ano é de 336 euros, menos do que o Concello paga aos membros da Corporación por asistir a un Pleno ordinario”, reprochou Igrexas, lembrando que son centos de persoas nas “filas da fame” que dependen de organizacións asistenciais e bancos de alimentos, con máis de 200 persoas sen fogar e cun caso de desafiuzamento por día sen alternativa habitacional.
Por estes motivos, o portavoz municipal nacionalista urxiu Abel Caballero a deixar de “fachendear da esmola dunhas poucas axudas nunha actitude que nos lembra moito á indecente caridade doutros tempos” e mobilice máis medios e recursos para axudar a quen máis o precisa na cidade. Reprochou, nese sentido, o veto do Goberno local a propostas do BNG como a posta en marcha unha Estratexia Local contra a Pobreza e o Empobrecemento e a creación dunha Renda Social Municipal, dotada con 10 millóns dos 200 dispoñíbeis en remanentes e compatíbel con outros recursos asistenciais.
Recorte das axudas e colapso dos servizos sociais
Dende o BNG criticaron que o Goberno de Caballero teña recortado nun 48% os recursos dedicados a axudas sociais municipais dende o ano 2020, pasando de 2,5 millóns de euros aos actuais 1,2 millóns, a pesar de contar cun orzamento de máis de 400 millóns de euros. “Inda que axudar a quen máis o necesita e combater a pobreza non se preste para inauguracións ou infografías, facelo ten que ser unha verdadeira prioridade do Concello”, demandou Igrexas.
Nesa liña, reiteraron a denuncia polo “colapso” dos servizos sociais municipais por falla de persoal, con esperas de até 10 semanas para unha cita coa traballadora social e con demoras na emisión de informes “imprescindíbeis” para a tramitación da Risga, do Ingreso Mínimo Vital ou para requirimentos xudiciais en casos de desafiuzamento. “O Bloque seguimos a defender que o Concello ten que converterse nun verdadeiro parapeto social que protexa a maioría social que representan as clases populares e traballadoras, que axude de verdade as persoas empobrecidas e que evite que ninguén quede atrás”.