O BNG de Vigo pide a suspensión inmediata da licenza da gasolineira proxectada no Pontillón
A fronte nacionalista urxe unha ordenanza municipal que impida a instalación de gasolineiras a menos de 250 metros de vivendas e ámbitos sensíbeis como centros de saúde e educativos
Xabier P. Igrexas: “Resulta escandaloso que tanto o Concello como a Xunta non teñan posto ningún reparo para construír unha gasolineira nun ámbito habitado nas proximidades do parque de Castrelos e do río Lagares”
O Bloque Nacionalista Galego pide a suspensión inmediata da licenza municipal outorgada á empresa Plenoil para instalar unha gasolineira na Baixada ao Pontillón. Diante da oposición veciñal, a fronte nacionalista chama a revisar os impactos do proxecto nunha parcela rodeada de vivendas e na proximidade de ámbitos protexidos como o parques de Castrelos e o río Lagares.
“É aberrante que se continúen a autorizar este tipo de instalacións”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando que son xa 13 as gasolineiras de baixo custo abertas nos últimos anos en diferentes puntos da cidade, malia as protestas da veciñanza, como recentemente en Esturáns a só catro metros das vivendas ou na rúa Alexandre Bóveda.
Igrexas asegurou que “é hora de poñer fin á barra libre que o Goberno de Abel Caballero ofrece ás grandes empresas deste sector”. Por este motivo, chamou a iniciar a elaboración dunha ordenanza municipal que impida a instalación de gasolineiras a menos de 250 metros de distancia tanto de vivenda como de ámbitos especialmente sensíbeis e vulnerábeis como centros de saúde, centros educativos, residencias de maiores, así como aqueles que gozan de especial protección ambiental ou patrimonial.
“Trátase de aplicar en Vigo unha medida que xa se está poñendo en marcha noutros concellos do Estado e que permitiría poñer freo aos graves prexuízos sociais, ambientais e de saúde que ocasionan estas instalacións”, subliñou o portavoz municipal do BNG. Unha medida que, destacou, é “perfectamente factíbel” segundo diferentes informes da Comisión Nacional do Mercado da Competencia que sinalan que os concellos teñen competencias para impoñer estas distancias mínimas. “Facelo ou non vai depender exclusivamente da vontade política do Goberno municipal”, defendeu.
Igrexas advertiu dos impactos deste tipo de proxectos en zonas habitadas, tanto polo incremento do tráfico como polos efectos nocivos de substancias como o benceno, emitidas polas estacións de distribución de combustíbel, tal e como ten fixado a propia Organización Mundial da Saúde. “Resulta escandaloso que tanto o Concello de Vigo como a Xunta de Galiza non teñan posto ningún reparo”, remachou.