O BNG de Vigo propón reformar o Regulamento de Honras e Distincións do Concello para recuperar o consenso

Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo, no Pleno municipal
Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo, no Pleno municipal

A fronte nacionalista chama a renovar esta norma vixente desde hai case 42 anos diante do “talante autoritario” e do “sectarismo partidista” do goberno de Abel Caballero na concesión dos recoñecementos da cidade

Xabier P. Igrexas: “Reclamamos ao alcalde que deixe de actuar como un monarca absoluto para garantir que as distincións do Concello respondan á pluralidade da cidade”

O BNG de Vigo propón reformar o Regulamento de Honras e Distincións do Concello para recuperar o consenso

O Bloque Nacionalista Galego propón reformar o Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Vigo, vixente desde hai case 42 anos. A fronte nacionalista chama a renovar a norma diante do “talante autoritario” do goberno de Abel Caballero, a quen acusan de “devaluar gravemente os recoñecementos da cidade impoñendo con sectarismo partidista” a concesión dos Vigueses/as Distinguidos/as, a Medalla de Ouro ou a nova Distinción “Cidade de Vigo”.

Así o expresou este luns o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante a celebración dun Pleno extraordinario para o outorgamento da distinción Cidade de Vigo, creada en 2018 sen o apoio de ningún grupo político da oposición. “O BNG non nos imos opoñer a este novo recoñecemento, pero tampouco podemos lexitimar co noso voto afirmativo a maneira en que o alcalde e o seu goberno teiman en xestionar este tipo de propostas”, explicou sobre a abstención das nacionalistas.

O edil nacionalista aclarou que son “evidentes” os motivos para recoñecer o papel e a traxectoria do grupo Radio Vigo, na figura do seu presidente Eugenio González de Haz e Vizcaíno, que xa motivaron o recoñecemento do Pleno ao seu pai como Vigués Distinguido en 1990 e do grupo como Medalla de Ouro da cidade en 1994. Porén, cuestionou a decisión “unilateral” do goberno do PSOE por usar esta distinción “como unha especie de gran colar da orde do Caballerismo” que impide, a xuízo das nacionalistas, o recoñecemento unánime do Pleno, como xa ocorreu en 2022 coa primeira distinción.

“Reclamamos ao alcalde que deixe de actuar como un monarca absoluto para garantir que as distincións do Concello de Vigo respondan tamén á pluralidade da cidade”

O candidato do BNG chamou por estes motivos a actualizar o Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Vigo. “Para asegurar que os recoñecementos sexan de toda a cidade e non apenas dun grupo político”, subliñou Igrexas, que pediu ademais posibilitar a participación das entidades, dos colectivos e das institucións de Vigo no outorgamento e concesión destas distincións.

 

O BNG de Vigo propón reformar o Regulamento de Honras e Distincións do Concello para recuperar o consenso