O BNG de Vigo denuncia que o goberno de Caballero non destinou este ano nin un só euro a plans de emprego
A fronte nacionalista cualifica de “indecente” a inacción do Goberno municipal ante a grave emerxencia laboral na cidade, con máis de 20 mil persoas no desemprego.
Desde o Bloque lamentan que esta situación se repita cada ano cos programas municipais de emprego, dos que quedaron sen executar en 2021 o 85% das partidas.
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero volve demostrar que o emprego non é unha prioridade para o seu goberno, que do único que está preocupado é de seguir alimentando o monocultivo da propaganda”.
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia que o goberno de Abel Caballero non executou no que vai de ano nin un só euro dos diferentes programas municipais de promoción do emprego. A fronte nacionalista considera “indecente” a inacción do Goberno local diante dun contexto de grave emerxencia laboral, social e produtiva na cidade, con máis de 20 mil persoas en situación de desemprego e con 10 mil postos de traballo menos desde 2009.
“Nin nin un só euro executado a estas alturas nin do Plan Municipal de Emprego, nin do Programa de Inserción Laboral nin do Programa de Primeira Experiencia Laboral para a mocidade”, detallou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que salientou que a falla de oportunidades laborais é a maior preocupación das viguesas e dos vigueses “que o queren e o que necesitan é un emprego digno do que vivir na propia cidade”.
Igrexas afeou que esta inacción en materia de traballo sexa “estrutural” no goberno de Caballero. “Esta situación repítese ano tras ano, como volve deixar en evidencia o feito de que o Concello de Vigo deixara sen gastar o 85% do orzamento destinado a políticas activas de emprego durante o ano 2021”, denunciou o edil nacionalista.
Desde o Bloque defenderon a necesidade dunha “enérxica” política de promoción do emprego e da actividade económica en Vigo como mellor solución a problemas como a continuada perda de poboación ou a emigración “forzosa” de miles de mozos e mozas.
“As políticas de emprego son a mellor maneira de apostarmos por unha cidade de futuro e oportunidades”, demandou o edil nacionalista, Xabier P. Igrexas.
O concelleiro do BNG lamentou que este asunto non sexa unha prioridade para o Goberno municipal do PSOE. “Do único que está preocupado Abel Caballero é de seguir alimentando titulares e o monocultivo da propaganda, de seguir facendo promesas que nunca se cumpren”, acusou Igrexas, que lembrou que “as viguesas e os vigueses non viven de anuncios”.