O BNG de Vigo reclama que o PSOE abandone o dobre discurso e apoie con feitos ás familias do Villa de Pitanxo
A fronte nacionalista presenta unha moción ao Pleno de maio trasladando as demandas das familias das vítimas, que reclaman que o Goberno español faga todo o posíbel para baixar ao buque e investigar as circunstancias do tráxico naufraxio.
Xabier P. Igrexas: “Non son compatíbeis as declaracións infames do delegado do Goberno en Galiza, xustificando a negativa a atender as peticións das afectadas, co apoio que vén de manifestar Abel Caballero”.
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo reclama que o PSOE abandone o dobre discurso sobre o naufraxio do Villa de Pitanxo e apoie con feitos as peticións das familias das vítimas, que demandan baixar ao buque para esclarecer o sucedido. A fronte nacionalista expresa a súa satisfacción polo previsíbel apoio de todas as formacións políticas da Corporación viguesa á moción presentada ao Pleno de maio polo BNG, na que se recollen as peticións das afectadas.
“Non son compatíbeis as declaracións infames do delegado do Goberno en Galiza, xustificando a negativa a atender as peticións das familias das vítimas, co apoio que vén de manifestar Abel Caballero”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que urxiu o alcalde de Vigo a “exercer toda a influencia da que presume” para que o Goberno español, liderado polo seu partido, rectifique a negativa a investigar as causas do afundimento.
Igrexas afeou que o goberno de Abel Caballero impedise a proposta de declaración institucional rexistrada polo Bloque co obxectivo de “enviar unha mensaxe de unidade erobusta en termos institucionais” en apoio ás familias das vítimas do Villa de Pitanxo.
“Se o PSOE finalmente se vai sumar a este acordo, e polo tanto existía unanimidade, non entendemos as razóns para impedir esta declaración institucional”
Moción do BNG ao Pleno
Por este motivo, e para evitar que esta cuestión quedase fóra por segundo pleno consecutivo, a fronte nacionalista decidiu trasladar as demandas das afectadas na súa moción ao Pleno programado para este mércores. “O que pedimos desde o BNG é que esta unanimidade sexa real e efectiva, e non apenas declarativa, que non quede só nun xesto”, subliñou Igrexas.
O edil nacionalista insistiu na necesidade de baixar ao buque para recoller probas, tal como demandan as familias. Unha cuestión que asegurou é “factíbel”, como vén de acreditar un recente informe técnico, polo que rexeitou os argumentos do Goberno español. “Non existe ningunha xustificación para negarse a facer todo o posíbel para esclarecer o acontecido neste fatídico naufraxio”.
Igrexas pediu que este apoio vaia alén do salón de Plenos de Vigo e chamou a Abel Caballero a que “exerza as súas influencias en Ferraz e na Moncloa” para conseguir unha rectificación do Executivo de Pedro Sánchez. “Sen coñecer a verdade non pode existir nin a xustiza nin a reparación que merecen as familias das vítimas”.