O BNG de Vigo denuncia condicións insalubres nos vestiarios das pistas de atletismo de Balaídos
A fronte nacionalista traslada á concellería de Deportes as protestas das e dos atletas pola falla de limpeza e a inundación dos aseos, que se suman ao abandono que padecen as instalacións deportivas desde hai anos
Xabier P. Igrexas: «As e os deportistas de Vigo non merecen ser castigados cunhas instalacións obsoletas e sucias nas que Caballero non se atrevería a poñer un só pé»
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia as condicións insalubres nos vestiarios das pistas de atletismo de Balaídos. A fronte nacionalista recolle así as protestas das e dos atletas diante da evidente falla de limpeza e a inundación dos aseos nas últimas semanas, que se suman ao «total abandono» que padecen as instalacións deportivas desde hai anos por parte do goberno de Abel Caballero.
«Esta situación inaceptábel compromete a hixiene e a salubridade», advertiu o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que trasladou a denuncia á concellería de Deportes instando a adopción de medidas para que a empresa responsábel da limpeza, Star Servizos, resolva de maneira inmediata estas deficiencias. Igrexas subliñou que «as e os deportistas de Vigo non merecen ser castigados cunhas instalacións obsoletas e sucias nas que o alcalde, Abel Caballero, non se atrevería a poñer un só pé».
Nese sentido, reiterou a esixencia do BNG de realizar a remodelación comprometida das pistas de atletismo, pendente desde 2008. O candidato nacionalista acusou tanto ao Concello de Vigo como á Xunta de Galiza de ter nun estado «lamentábel» as instalacións de Balaídos polas continuas leas partidistas entre PSOE e PP. Urxiu a facer efectivo o convenio de reforma asinado por ambas institucións hai 14 anos e, singularmente, chamou ao rexedor a cumprir coa promesa realizada en xullo de 2021 de iniciar o proxecto para remodelación.