O BNG de Vigo urxe a remodelación das pistas de Balaídos e que Concello e Xunta deixen de utilizalas na súa batalla partidista
A fronte nacionalista esixe que o Goberno municipal cumpra a promesa de iniciar a licitación para a reforma e que o Executivo galego achegue o orzamento comprometido, diante do estado “lamentábel” das pistas.
Xabier P. Igrexas: “Caballero e Feixóo teñen que deixar de utilizar as pistas de atletismo como coartada e sentar a cooperar para que a maior cidade de Galiza teña unhas instalacións á altura do que merecen as e os atletas vigueses”.
O Bloque Nacionalista Galego urxe a remodelación das pistas de atletismo de Balaídos. A fronte nacionalista reitera a súa esixencia ante o estado “lamentábel” das instalacións e critica que tanto o Concello de Vigo como a Xunta utilicen a reforma das pistas como “coartada” para un novo episodio da batalla partidista entre o PSOE e o PP mentres desoen as continuadas demandas das e dos propios deportistas.
“Caballero e Feixóo teñen que deixar de utilizar as e os atletas como reféns na súa batalla partidista e sentar a cooperar para que a maior cidade de Galiza teña unhas instalacións á altura das e dos atletas vigueses”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que a resposta por parte do Concello de Vigo e a Xunta de Galiza é insistir na súa permanente desputa.
Nese sentido, Igrexas anunciou que van esixir explicacións a nivel local na Comisión Informativa de Deportes, que se vai celebrar este mércores, sobre en que situación está a prometida remodelación. O edil nacionalista recordou que o propio alcalde de Vigo comprometía en xullo de 2021 iniciar a elaboración do proxecto de reforma das pistas, mais criticou que polo momento só se teñan executado “parches de emerxencia” por importe de 25mil euros e unha partida de apenas 200mil euros nos orzamentos deste ano.
En relación ao papel da Xunta, o concelleiro do BNG afeou as continuadas negativas do goberno de Alberto Núñez Feixóo de aportar os 5 millóns de euros comprometidos, nun convenio entre a Concellaría de Deportes e a Dirección Xeral de Deporte da Xunta asinado no ano 2008, para a remodelación das pistas de Balaídos. Igrexas sinalou que a proposta “sacada da manga” do Executivo galego de instalar un módulo desmontábel no Ifevi, e que o alcalde rexeita, é un exemplo máis desa “telenovela patética” na que se ten convertido a relación entre a Xunta e o Concello de Vigo.