O BNG de Vigo traslada o seu apoio ao persoal de limpeza de Stellantis en folga pola ameaza de precarizar os salarios
A fronte nacionalista vén de manter unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa, na que se compromete a presentar unha batería de iniciativas para que a Xunta interveña como autoridade laboral
A contrata Urbano Bernabé, encargada do servizo na factoría viguesa, quere impoñer un cambio de convenio colectivo que suporía empobrecer os salarios até un 20% e poñer en risco a continuidade dos postos de traballo
Xabier P. Igrexas: «Non se pode seguir subvencionando a precariedade nin imos consentir que a Xunta olle cara outro lado ante a crecente conflitividade laboral en Vigo»
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de trasladar o seu total apoio ás reivindicacións do persoal de limpeza de contedores de Stellantis, en folga desde o pasado 3 de outubro pola pretensión do grupo Urbano Bernabé (UB) de precarizar os salarios. A fronte nacionalista anuncia unha batería de iniciativas para esixir que a Xunta de Galiza interveña como autoridade laboral no conflito, diante da pretensión da contrata de cambiar o convenio colectivo aplicado desde 1987 e dos numerosos incumprimentos laborais.
«Non se pode tolerar que ningunha empresa, inda que sexa unha contrata dunha gran multinacional como Stellantis, faga o que quere vulnerando os dereitos dos traballadores e das traballadoras», subliñou en rolda de prensa o concelleiro e candidato á Alcaldía do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa de UB.
Igrexas cualificou de «inxustificado e arbitario» a intención da contrata de modificar o actual marco laboral polo convenio de transporte, que suporía empobrecer os salarios entre un 15 e un 20% e poría en risco a subrogación dos empregos como garantía da súa continuidade.
«Falamos dunha empresa que ten un cadro de persoal de algo máis de 60 traballadores, que leva rexindo a súa actividade laboral no convenio da limpeza desde hai 35 anos»
O candidato nacionalista urxiu así ao Goberno galego a deixar de «ollar cara outro lado» diante da crecente conflitividade laboral en Vigo e chamou a actuar contra as prácticas de «empresas pirata que vulneran gravemente os dereitos laborais para abaratar custos».
Desde a fronte nacionalista afearon tamén que multinacionais como Stellantis, que reciben importantes subvencións das administracións públicas, insistan en precarizar as condicións laborais. «É evidente que o comportamento desta contrata responde tamén de maneira directa á intención da dirección da factoría de seguir impoñendo cada vez un menor custo na prestación dos servizos que ten externalizados a costa de reducir os salarios do persoal», remachou Igrexas.
40 denuncias na Inspección de Traballo
Na mesma liña, o presidente do Comité de Empresa de UB, Alberto Blanco, pediu a intervención das administracións públicas en apoio das súas demandas. «Desde o 1987 non mudou nada para que a empresa queira agora precarizar o servizo», advertiu, advertindo das graves consecuencias para o futuro do cadro de persoal, cunha media de idade por riba dos 55 anos. Blanco lamentou a inacción da Inspección de Traballo diante das 40 denuncias presentadas por incumprimentos da contrata. «Imos continuar, levamos 9 días de folga e o persoal está totalmente enteiro, non pedimos melloras, o único que demandamos é manter o convenio co que levamos máis de 30 anos traballando».