O BNG de Vigo denuncia que a oposición inda non foi informada da nova mobilización de remanentes municipais
Critican que nos investimentos anunciados por Caballero non se vaia dedicar nin un euro a poñer en marcha liñas de axudas directa á hostalaría e o pequeno comercio, nin tampouco para atender as necesidades dos barrios e parroquias.
Alertan de que non se inclúen partidas para a posta en marcha de ningunha nova escola infantil na cidade, a pesar de que o Goberno local insiste no traslado inxustificado da EIM Santa Marta.
O Bloque Nacionalista Galego denunciou publicamente que a mobilización de máis de 13 millóns de euros dos remanentes líquidos de tesourería do Concello de Vigo, anunciada polo alcalde no día de onte, non foi informada aos grupos da oposición e non figuraba na orde do día da Xunta de Goberno Local deste venres. Desde a fronte nacionalista alertan de que os investimentos anunciados por Caballero non recollen axudas directas á hostalaría e o comercio, nin actuacións nos barrios e parroquias e tampouco inclúe partida ningunha para a posta en marcha de ningunha nova escola infantil.
“O que anunciou o alcalde onte en relación aos remanentes municipais debeu ser un acordo clandestino, porque nin figura na orde do día da Xunta de Goberno Local, nin as forzas da oposición tivemos acceso a ese expediente”, explicou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. Para Igrexas esta falla de transparencia é “inaceptábel”. “Non se poden adoptar decisións tan importantes, co diñeiro de todas as viguesas e os vigueses, ás agachadas”, reprochou.
Primeira valoración
A falla de coñeceren en detalle a proposta do Goberno local para destinar máis de 13 millóns de euros, o portavoz municipal nacionalista fixo unha primeira valoración dos investimentos anunciados por Caballero.
Igrexas afeou que o Goberno municipal insista en dedicar “cero euros” a despregar axudas directas aos sectores máis castigados polas crise derivada da pandemia, como a hostalaría ou o comercio.
O edil lamentou que o executivo de Caballero volva esquecerse dos “barrios e as parroquias” que son, na súa opinión, as permanentemente abandonadas e que seguirán sen recibir atención ás súas necesidades de mellora infraestrutural e dotacional. “Para o único que hai diñeiro é para o ascensor de ‘Star Treck’ en García Barbón ou para máis ramplas mecánicas na Gran Vía”, criticou.
Escola infantil Santa Marta
Para alén diso, un dos elementos “máis sorprendentes”, en palabras do portavoz do Bloque, é que na proposta de uso dos remanentes presentada en rolda de prensa polo rexedor non se inclúa “nin un só euro para o eventual traslado da escola infantil municipal Santa Marta”.
“Despois de que teña quedado claro que non hai motivo para ese traslado, porque no Barrio do Cura non hai obras nin data para que estas comecen, Caballero primeiro inventouse un traslado ao Picacho e despois sacou da chisteira unha nova escola nas dependencias do IME. Pero o curioso é que nin nos orzamentos ordinarios deste ano, nin nos remanentes que quere mobilizar hai un só euro para financiar esa actuación”, denunciou.
En relación á EIM Santa Marta, a fronte nacionalista reitera a esixencia de que se garanta o a matriculación no centro en todos os grupos de idade para o vindeiro curso, para poñer fin a un conflito provocado só pola “nefasta xestión” da Concellaría de Educación, tal e como volveu reclamar a comunidade educativa nunha nova mobilización decorrida este sábado, e na que participaron diferentes representantes do BNG.