O BNG urxe a Xunta a intervir para poñer fin ao “permanente día da marmota” en Barreras

auto 03

A fronte nacionalista critica a inacción do Goberno galego para blindar o futuro do sector naval vigués. 


Insisten en que calquera apoio público debe estar condicionado á participación directa na dirección do estaleiro, e defenden que se abra o debate sobre unha intervención pública do mesmo para garantir a continuidade da actividade e do emprego. 

O BNG urxe a Xunta a intervir para poñer fin ao “permanente día da marmota” en Barreras

O Bloque Nacionalista Galego expresou esta mañá desde Vigo a súa “enorme preocupación” perante as novas incertezas que pairan sobre o futuro inmediato do estaleiro Barreras ante o inminente traslado a Santander do único barco que se estaba a construír nas súas gradas. A fronte nacionalista critica a “nula” política industrial da Xunta que abandonou o sector naval e urxe unha intervención pública decidida para poñer fin ao que cualifican “permanente día da marmota” no estaleiro. 

A deputada viguesa do BNG no Parlamento galego, Carmela González, criticou con dureza a inacción da Xunta perante as dificultades que sigue a atravesar o sector da construción naval na Ría de Vigo. Neste sentido, a nacionalista denunciou que a resposta do conselleiro, Francisco Conde, ás iniciativas e interpelacións do Bloque no parlamento limítanse a “descualificar a labor da oposición, pero sen aportar nin unha soa medida ou compromiso concreto”, tal e como volveu quedar en evidencia na sesión do pasado 24 de febreiro. 

González lembra que o Bloque, tanto no Parlamento galego como no Congreso, ten demandado de maneira firme un compromiso real por parte dos gobernos galego e español para asegurar o futuro do emprego e da actividade nos estaleiros Barreras e Vulcano. No entanto, a deputada nacionalista sinala que o apoio público debe estar sempre condicionado á participación pública na dirección das empresas. “Non podemos seguir inxectando diñeiro público nos petos dos accionistas privados para salvar as súas contas. O que hai que facer é protexer o emprego e garantir o futuro do sector”, advertiu. 

O BNG volverá levar a situación de Barreras e a esixencia dunha implicación activa da Xunta ao Parlamento, a través dunha nova batería de iniciativas. 

Día da marmota 

De por parte, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou a “enorme” importancia de Barreras como un dos principais estaleiros e reiterou que “o naval é un sector estratéxico para Vigo, a súa comarca e o conxunto de Galiza, un verdadeiro tractor para a industria viguesa”.  

Igrexas alertou de que xa se están a producir despedimentos e ERE nas empresas auxiliares e que, arestora, unha boa parte do plantel de Barreras “non sabe que vai pasar”. “Non sabemos se o Evrima vai volver a Vigo ou non, pero sobre todo ninguén sabe que vai pasar cando ese cruceiro se finalice xa que non hai ningunha encomenda de carga de traballo”, advertiu.

Emporiso, o portavoz municipal nacionalista, urxiu unha intervención pública directa que poña fin á crise permanente no estaleiro vigués. “Non pode ser que despois da inxección de millóns de euros, en forma de avais e outros instrumentos financeiros, de diñeiro público, cada poucos meses enfrontemos unha e outra vez a ameaza sobre o futuro do estaleiro”, afirmou. 

“Se o accionariado e a dirección privadas de Barreras non poden ou non queren desenvolver as potencialidades do estaleiro, é momento de abordar unha intervención que permita que a ría de Vigo conte cun estaleiro público ou semipúblico. Hai que poñer fin a este permanente día da marmota”, remarcou.

O BNG urxe a Xunta a intervir para poñer fin ao “permanente día da marmota” en Barreras