O BNG de Vigo denuncia o peche das instalacións deportivas da ETEA sen data de reapertura
A fronte nacionalista reprocha que as máis de 500 persoas usuarias e clubs deportivos non foron avisados do peche producido o 1 de setembro, malia non ser efectiva aínda a devolución dos terreos á Zona Franca.
Xabier P. Igrexas: «Queremos un compromiso claro para garantir a reapertura o antes posíbel e asegurar que a cidade vai poder continuar facendo uso das instalacións»
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia o peche das instalacións deportivas da ETEA desde o 1 de setembro e lamenta que non exista unha data fixada para a súa reapertura. A fronte nacionalista reprocha ademais que o Goberno municipal non notificara o peche con antelación ás máis de 500 persoas usuarias e varios clubs deportivos.
«Esiximos á concellería de Deportes que actúe de maneira áxil e que explique o motivo para este peche, cando as instalacións deportivas seguen sendo de titularidade municipal», reclamou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que subliñou que a decisión «disparatada» do Concello de devolver os terreos á Zona Franca aínda non se fixo efectiva.
Igrexas lembrou que as dotacións deportivas da ETEA foron un investimento municipal de máis de 2 millóns de euros, polo que urxiu «un compromiso claro para garantir a reapertura o antes posíbel».
Avisou tamén do grave prexuízo deste peche para moitas das persoas e clubs que fan uso destas instalacións, posto que non contan con alternativas para seguir adestrando.
O edil nacionalista lamentou que a «deserción» do goberno de Abel Caballero do importante ámbito da ETEA teña xa consecuencias para a veciñanza antes mesmo da devolución das parcelas, tal e como advertira o BNG, e criticou que non se buscara unha solución que evitara o peche nin se fixara polo momento un calendario claro para reabrir as portas.
«O BNG insistimos en que ten que existir un compromiso de cidade, unha determinación firme do Concello, para avanzar de maneira real e efectiva para que a ETEA sexa un espazo de disfrute para todas as viguesas e vigueses, a principiar polas veciñas e veciños de Teis, dúas décadas do abandono dos militares», demandou Igrexas.