O BNG recolle sinaturas en Vigo en apoio da ILP pola defensa da sanidade pública e da Atención Primaria
A fronte nacionalista chama a sumarse a esta iniciativa que reclama reforzar o sistema sanitario público e unha rectificación da política de recortes e privatización da Xunta
Montse Prado: “O PP quere convencernos de que esta sanidade de mínimos é o normal, polo que apelamos á veciñanza a que non acepte esta situacion porque hai alternativas”
Xabier P. Igrexas: “A determinación do BNG é a de seguir empurrando a pé de rúa e co noso traballo institucional para un cambio radical das políticas do PP que condenaron Vigo a ser a zona cero da desfeita sanitaria en Galiza”
O Bloque Nacionalista Galego vén de iniciar a pé de rúa en Vigo a recollida de sinaturas en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) pola defensa da sanidade pública galega e fronte ao desmantelamento da Atención Primaria. A fronte nacionalista chama aos galegos e galegas a sumarse a esta iniciativa, impulsada pola plataforma SOS Sanidade Pública, que reclama reforzar o sistema sanitario público e unha rectificación da política de recortes e privatización impulsada polo PP na Xunta.
“A folla de ruta do PP durante 13 anos na Xunta foi tomar medidas para o deterioro da sanidade pública, especialmente da Atención Primaria, porque se funciona ben a sanidade pública non é posíbel engordar á sanidade privada”, denunciou a portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, que participou da recollida de sinaturas acompañada do portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, e de militancia da organización nacionalista.
Prado chamou á veciñanza a non resignarse fronte a esta “sanidade de mínimos” promovida polo Goberno galego. “Queren convencernos de que esta situación é normal, pero non podemos aceptar este permanente desmantelamento do sistema público porque hai alternativas”, apelou a portavoz do BNG.
Nese sentido, a voceira nacionalista censurou as recentes declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nas que afirmaba que a situación na Atención Primaria este verán foi de relativa tranquilidade agás algún problema puntual. “É indecente que o máximo responsábel do goberno de Galiza diga iso despois de pechar centros polas tardes, de ter dous e tres profesionais facendo o traballo de sete ou oito, sen practicamente servizos de pediatría, cos profesionais sanitarios ao límite e cunha desatención continua que derivou no colapso dos servizos de Urxencias”, reprochou.
Entre outras medidas, Prado urxiu un aumento do orzamento sanitario, en particular para a Atención Primaria, que é menor hoxe que en 2009 e está por baixo da media de investimento no resto do Estado. “Esiximos que o PP reforce e deixe de maltratar ao persoal, que poña máis medios e recursos, que fagan un plan para captar as e os profesionais que marchan ou traballan na privada e que incorporen novas categorías como psicoloxía clínica, fisioterapia ou logopedia”, explicou. “Hai moitas cousas que dependen da Xunta, que pode e debe poñer en marchar, porque non aceptamos esta sanidade e esta Atención Primaria de excepción á que nos están levando”, remachou.
Contras as políticas que condenaron a sanidade en Vigo
No mesmo sentido, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, animou a sumarse a esta nova fórmula de mobilización en forma de ILP para “mandarlle unha mensaxe clara e rotunda ao PP” da ampla oposición ás súas políticas sanitarias. “A determinación do BNG é a de seguir empurrando a pé de rúa e co noso traballo institucional para un cambio radical das políticas que condenaron Vigo a ser a zona cero da desfeita sanitaria en Galiza”, defendeu.
Igrexas asegurou que o obxectivo do PP é “esgotarnos para que renunciemos ao noso dereito a termos unha sanidade pública galega e de calidade”, polo que pediu “non desistirmos nesta loita” contra unhas políticas que se traduciron na cidade nun hospital privatizado como o Álvaro Cunqueiro, nunha atención desigual dunha parte importante da poboación da área sanitaria derivada a Povisa, nun recorte de prestacións en centros como o Meixoeiro e cuns centros de saúde ao límite.