O BNG desaproba o uso «partidista e electoral» de Caballero e da Xunta dos grandes concertos en Vigo

Carmela González e Xabier P. Igrexas en rolda de prensa
Carmela González e Xabier P. Igrexas en rolda de prensa

A fronte nacionalista critica que o alcalde impoña por contrato exercer como teloneiro nas actuacións de Castrelos e que o Goberno galego montara un palco VIP para que 500 cargos e achegados do PP asistiran de forma gratuíta a un concerto do Xacobeo

Carmela González: «É inaceptábel que o goberno de Rueda utilice o diñeiro público para dar prebendas a persoas afíns mentres a veciñanza paga até 49 euros por unha entrada»

Xabier P. Igrexas: «Abel Caballero ten que deixar de utilizar o Concello como o seu particular señorío feudal, apropiándose de actos que deberan ser de toda a cidade»

O BNG desaproba o uso «partidista e electoral» de Caballero e da Xunta dos grandes concertos en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego desaproba o uso partidista e electoral que tanto o alcalde de Vigo, Abel Caballero, como a Xunta de Galiza fan dos grandes concertos da cidade. A fronte nacionalista critica por un lado que o rexedor do PSOE impoña por contrato exercer como teloneiro das actuacións de Castrelos e, por outro, que o Goberno galego montara un palco VIP para que 500 cargos e achegados do PP asistiran de forma gratuíta ao concerto do artista C. Tangana, o pasado 23 de agosto, dentro da programación do Xacobeo.

«É inaceptábel que se utilice o diñeiro público para dar prebendas a persoas afíns mentres a veciñanza pagou entre 39 e 49 euros por unha entrada», reprochou a deputada do BNG, Carmela González, que anunciou que vai reclamar explicacións no Parlamento galego dos motivos para habilitar esta zona reservada.

Os 500 pases repartidos polo PP, un 8% do aforo total, permitiron o acceso a un espazo separado e de mellor visibilidade que o resto do público e no que estiveron, entre outros cargos e persoeiros, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o presidente do PP, Alberto Núñez Feixóo, e o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuiña.


Autobombo do alcalde

Na mesma liña, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, censurou que Abel Caballero utilice o Concello como «o seu particular señorío feudal» por apropiarse desde un punto de vista «persoal, partidista e electoral de actos que deberan ser de toda a cidade», como os grandes concertos de verán en Castrelos.

Igrexas cualificou de «comportamento máis propio de sátrapas e autócratas que de alcaldes democráticos» o feito de que o rexedor esixa por contrato a súa intervención como teloneiro antes das actuacións, como veñen de revelar informacións xornalísticas. «Que interese xeral da cidade explica esta medida para alén do autobombo do propio alcalde?», cuestionou.

O concelleiro nacionalista valorou estas prácticas como una «ofensa» cara a veciñanza de Vigo e un «despropósito» cara os propios grupos. «O que debera protagonizar os grandes concertos de verán é a música, as e os protagonistas deberan ser os artistas e o público e non un alcalde que ten permanente fame e sede de contacto coas masas», subliñou. 

O BNG desaproba o uso «partidista e electoral» de Caballero e da Xunta dos grandes concertos en Vigo