O BNG de Vigo denuncia a “preguiza” do Goberno de Caballero ante a ínfima execución orzamentaria

Após coñecerse os datos do primeiro trimestre de 2025, a fronte nacionalista esíxelle a Caballero abandonar a propaganda e o autobombo e atender as necesidades reais da cidade gobernando
Xabier P. Igrexas: “Nunca un Goberno municipal dispuxo de tantos recursos e nunca, tendo tanto, se fixo tan pouco”
O portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou este luns a “absoluta falla de xestión” do Goberno de Abel Caballero tras revelarse que no primeiro trimestre de 2025 só se executou o 12% do orzamento municipal, de máis de 355 millóns de euros, e un “ridículo” 1,5% no capítulo de investimentos, destinado a proxectos de humanización e infraestruturas. Estes datos oficiais retratan, para o BNG, o “Goberno municipal máis preguiceiro da Historia” que, instalado na propaganda e o “autobombo”, deixa en “promesas incumpridas” as necesidades das viguesas e vigueses.
Igrexas foi contundente: “Nunca un Goberno municipal dispuxo de tantos recursos e nunca, tendo tanto, se fixo tan pouco”. Criticou que, tras unha suba “inxusta e inxustificada” do 4% en taxas e impostos, o Concello non reverta eses fondos en melloras para a cidadanía, que “paga máis a cambio de menos”. Neste sentido, desde o BNG remarcan que a inexecución dos orzamentos non é aforro, senón “pura desatención” das necesidades das viguesas e dos vigueses.
O portavoz destacou exemplos alarmantes de inexecución, como os cero euros gastados dos 400 mil destinados ao Plan de Beirarrúas nos Barrios, do millón para vivendas públicas en Esturáns ou dos 300 mil para infraestruturas deportivas, mentres moitas instalacións “caen a cachos”. No Plan Municipal de Igualdade, cun orzamento de 205 mil euros, só se executou o 10%, evidenciando a falta de compromiso real coas demandas feministas. “Caballero segue sen entender o reclamo do movemento feminista de máis recursos e menos discursos”, remachou.
Ademais, o BNG cuestionou o sentido das “prioridades” do Goberno á hora de incorporar remanentes, xa que duplicou a partida para subvencionar aeroliñas privadas en Peinador (até o 1,2 millóns de euros) mentres recorta 45 mil euros ao Plan de Emprego Municipal, nunha cidade con máis de 20 mil persoas desempregadas e unha perda de 1.800 empregos industriais en 2025. “Caballero quere gastar máis en Ryanair que en promover o emprego”, lamentou Igrexas, sinalando a incoherencia dun Goberno con maioría absoluta que rexeitou co seu “rodete antidemocrático” as 152 emendas do BNG sexa incapaz de executar os seus propios orzamentos.
Igrexas esixe a Caballero e a súa equipa que “deixen atrás a preguiza e gobernen”. “Menos alcalde tertuliano paseando polas televisións e máis xestión municipal”, reclamou.