O BNG revólvese contra o “duplo castigo” ao Porto de Vigo pola súa exclusión como porto nodal e o veto aos investimentos do Corredor Atlántico

Imaxe: Autotidade Portuario de Vigo
Imaxe: Autotidade Portuario de Vigo

A fronte nacionalista rexistrará iniciativas en Congreso e Senado e promoverá unha Declaración Institucional do Pleno de Vigo para esixir ao Ministerio de Transportes que rectifique

Xabier P. Igrexas: “Acaso pode existir Corredor Atlántico sen contar cunha das principais terminais portuarias de Europa e do mundo como é a de Vigo?”

O BNG revólvese contra o “duplo castigo” ao Porto de Vigo pola súa exclusión como porto nodal e o veto aos investimentos do Corredor Atlántico
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), a través do seu portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, rexeitou este mércores con contundencia o “duplo castigo” imposto ao Porto de Vigo, tras ser excluído como porto nodal da rede transeuropea (TEN-T) e agora privado de acceder aos investimentos de 3.100 millóns de euros que o Ministerio de Transportes destinará ao Corredor Atlántico nos próximos cinco anos. Esta decisión, cualificada como “inxusta e arbitraria”, ameaza o desenvolvemento da terminal portuaria viguesa a pesar do seu rol como un dos principais motores económicos de Galiza.

Igrexas criticou a incoherencia desta exclusión, cuestionando se “pode existir Corredor Atlántico sen contar cunha das principais terminais portuarias de Europa e do mundo como é a de Vigo”. O portavoz subliñou o crecemento sostido do Porto de Vigo, que en 2024 rexistrou 5,7 millóns de toneladas descargadas, un 18% máis que o ano anterior, e xera arredor de 35.000 empregos directos e indirectos, representando aproximadamente o 20% do PIB de Vigo e a súa área. “Castigar unha infraestrutura tan estratéxica é un absoluto disparate”, engadiu.

O BNG esixe unha rectificación inmediata por parte do Ministerio de Transportes para que Vigo acceda aos investimentos do Corredor Atlántico. Ademais, reclama unha liña de financiamento extraordinaria que compense, adicionalmente, os prexuízos derivados da exclusión da rede TEN-T, unha decisión que limita as posibilidades de modernización e crecemento da terminal.

Para presionar nestas demandas, a formación rexistrará iniciativas con carácter urxente no Congreso e no Senado, e no ámbito municipal promoverá unha declaración institucional para que o Pleno exprese o “inequívoco apoio” do Concello á actividade portuaria e rexeite as decisións que ameazan o seu futuro.

Igrexas instou o Goberno español a recoñecer a importancia loxística e estratéxica do Porto de Vigo, non só para a cidade, senón para o conxunto de Galiza e a súa proxección internacional. “Non permitiremos que se siga marxinando unha infraestrutura vital para a nosa economía e o noso desenvolvemento”, concluíu, comprometendo o esforzo do BNG para reverter esta situación e garantir o recoñecemento e apoio que o Porto de Vigo merece.

O BNG revólvese contra o “duplo castigo” ao Porto de Vigo pola súa exclusión como porto nodal e o veto aos investimentos do Corredor Atlántico