O BNG urxe iniciar a declaración de Vigo como zona tensionada para frear a escalada nos prezos da vivenda

Pide comezar os trámites esta mesma semana após confirmarse, no estudo encargado polo Concello, que a cidade reúne requisitos para poñer en marcha a medida
Xabier P. Igrexas: “O gravísimo problema do acceso social á vivenda esixe de decisións xa, non abonda con declaracións e anuncios ocos nin con medidas aparenciais”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) urxe iniciar a declaración de Vigo como zona tensionada da vivenda para frear a escalada nos prezos dos alugueiros. Após se coñecer as principais conclusións do estudo encargado polo Concello, que confirma que Vigo reúne as condicións, a fronte nacionalista pide comezar os trámites esta mesma semana ante a “emerxencia habitacional” na cidade.
Así o demandou este martes o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, asegurando que esta declaración de zona tensionada é imprescindíbel para poñer en marcha as medidas de contención dos prezos recollidas na nova Lei de Vivenda: como limitar os prezos nos novos contratos, permitir prórrogas adicionais nas mesmas condicións ou incentivos fiscais á rebaixa dos alugueiros.
Igrexas defendeu estas medidas como “vitais” a pesar de tratarse dun “paliativo insuficiente” ante o grave problema de acceso á vivenda. Nese sentido, avanzou que poderían significar rebaixas de entre 50 e 100 euros mensuais nos alugueiros e converterse nun freo para a escalada “insoportábel” dos prezos, que supera en 7 puntos a suba do IPC durante o último lustro, un dos requisitos para ser zona tensionada.
Sobre esa cuestión interpelou hoxe o portavoz nacionalista á concelleira de Urbanismo, María José Caride, lamentando unha nova “preocupante e irresponsábel evasiva” por parte do Goberno municipal por negarse a confirmar se vai solicitar esa declaración, que xa recibiu a aprobación do Pleno en marzo do ano pasado a través dunha moción do BNG. Unha medida que, lembrou, debe ser aprobada pola Xunta de Galiza, como xa fixo o Concello da Coruña e como está a tramitar o de Compostela.
“O gravísimo problema do acceso social á vivenda esixe de medidas e decisións xa, non abonda con declaracións e anuncios ocos nin con medidas aparenciais”, defendeu o portavoz nacionalista. A ese respecto, rexeitou os anuncios realizados nos últimos días polo Goberno local con promesas como crear un Observatorio da Vivenda. “Precisamente o que ten que deixar de facer o Concello é observar como un convidado de pedra e actuar dunha vez”, ironizou Igrexas.
Dende a fronte nacionalista advertiron ao Goberno de Caballero que “non valen as escusas” ante o problema da vivenda malia a “inacción” da Xunta de Galiza do PP que, criticou, nos últimos 16 anos “desmantelou” a política de vivenda pública e apenas construíu 62 inmóbeis en Vigo.
Diante dun Goberno galego “cómplice” do grave problema da vivenda en Vigo, Igrexas subliñou que o Concello “non pode poñerse de perfil” e ten que executar todas as medidas que están na súa man, como demandar a declaración de zona tensionada. “Cun obxectivo claro: facilitar o acceso social á vivenda nunha cidade con máis de 22 mil inmóbeis baleiros na que centos de familias traballadoras e de mozas e mozos non se poden permitir vivir na súa propia cidade”, remachou o voceiro do Bloque.