O BNG de Vigo denuncia que o Concello executou cero euros de axudas sociais pese a grave crise da inflación
A fronte nacionalista acusa ao Goberno municipal de deixar sen gastar a partida prevista no primeiro trimestre de ano para axudas de vivenda, alimentación e gastos básicos.
Critica que o Concello eliminara o cheque social das prestacións e que estea a denegar a tarxeta de alimentos a beneficiarias de axudas como a Risga ou Ingreso Mínimo Vital.
Xabier P. Igrexas: “Diante dun Goberno español que só toma medidas de carácter cosmético e da deliberada inacción da Xunta, é urxente que o Concello despregue un maior esforzo en política social neste contexto de carestía da vida”.
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia que o goberno de Abel Caballero deixou sen executar no primeiro trimestre do ano a totalidade da partida orzamentaria destinada a axudas para vivenda, alimentación e gastos básicos, dotada con apenas 357 mil euros. A fronte nacionalista valora como “incomprensíbel” a falla de respostas neste grave contexto de crise derivada da suba descontrolada dos prezos e chama a un maior esforzo a nivel municipal para converter o Concello nun “verdadeiro parapeto social”.
“Non podemos permitir que ninguén quede atrás en Vigo, que conta cun orzamento anual de 376 millóns de euros”, defendeu o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que lamentou que nestes momentos se reserven máis fondos do presuposto local para subvencionar aeroliñas privadas que para atender as crecentes necesidades sociais.
O edil nacionalista sinalou que o aumento da inflación está agravando a situación de empobrecemento, nunha cidade onde xa existían “colas da fame”, con preto de 60 mil persoas en risco de exclusión social e máis de 20 mil persoas no desemprego. Así, alertou de que os prezos de bens e servizos esenciais —como as facturas de auga, luz ou gas — teñen incrementado case un 39% no último ano, no caso dos custos do transporte un 19,3% ou máis dun 7% no prezo dos alimentos.
“Diante dun Goberno español que só toma medidas de carácter cosmético e da deliberada inacción da Xunta de Galiza, é urxente que o Concello despregue un maior esforzo en política social neste contexto de crise económica e carestía da vida”, reclamou Igrexas.
Nesa liña, criticou a “desaparición inxustificada e unilateral” do denominado cheque social, convertido hoxe polo goberno de Abel Caballero en axudas de carácter puntual.
O concelleiro do BNG cualificou ademais de “irracional e inxusto” que o Concello rexeite conceder axudas de alimentos, a coñecida como tarxeta de alimentos, a aquelas persoas e familias vulnerábeis que son beneficiarias da Risga ou do Ingreso Mínimo Vital. “Estas axudas son absolutamente insuficientes e non garanten nin tan sequera a subsistencia material, non podemos comprender como de maneira burocrática o Concello de Vigo se atreve a denegar axudas de carácter extraordinario cando as familias están a padecer o brutal golpe do incremento dos prezos”, criticou.
Igrexas asegurou que son moitas as veciñas e veciños de Vigo que, nas últimas semanas, veñen advertindo de situacións económicas desesperadas ou con serias dificultades para chegar a fin de mes. “O BNG afirmamos de maneira clara e contundente que hai alternativas, tamén desde o municipal, poñendo en marcha todos os recursos e a capacidade do Concello de Vigo para atender as verdadeiras prioridades sociais”.