O BNG reclama priorizar o mantemento do emprego como solución de futuro para Barreras
A fronte nacionalista advirte que o proceso concursal non pode traducirse na liquidación de boa parte dos postos de traballo e da actividade produtiva no estaleiro vigués.
Carmela González: “Fronte a esta situación de crise industrial e do emprego en Vigo, a Xunta continúa sen aportar ningunha solución para garantir a viabilidade do sector naval”.
Xabier P. Igrexas: “O futuro de Vigo non pasa por se converter nun parque temático friki do nadal, nin por sermos estación de paso do Xacobeo. Temos que volver ser o pulmón industrial de Galiza”.
O Bloque Nacionalista Galego reclama fixar como prioridade o mantemento do emprego en Barreras, após a resolución da administración concursal sobre a venda do estaleiro vigués. A fronte nacionalista reitera a demanda dun plan de futuro para Barreras e para o sector da ría de Vigo e advirte que o remate do proceso concursal non pode traducirse na liquidación de boa parte dos postos de traballo e da actividade produtiva.
“Nunha cidade como Vigo na que perdemos miles de empregos industriais nos últimos anos non podemos permitirnos perder un só posto de traballo máis”, declarou a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, que insistiu no carácter “estratéxico” do sector naval para a economía viguesa.
Desde o BNG lamentaron a “parálise e a inacción” da Xunta do Partido Popular durante todo o proceso, cando está en xogo unha peza chave da industria de Vigo. “E fronte a esta situación de crise industrial e do emprego, o Goberno galego continúa sen aportar ningunha solución para garantir a viabilidade do sector naval”, denunciou González, que acusou á Xunta de agravar a situación do estaleiro con “parches” como no caso de Pemex.
A deputada nacionalista afeou tamén que o PP teña rexeitado as numerosas iniciativas e propostas realizadas polo Bloque para apuntalar o futuro do sector naval. “Medidas que pasan, en opinión do BNG, por unha decidida intervención pública que fixe como prioridade o mantemento do emprego e da actividade produtiva”, demandou.
Futuro industrial
Na mesma liña, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurou que “o futuro do maior estaleiro privado do Estado é moito máis que unha operación empresarial”.
Igrexas alertou da “situación de emerxencia laboral, social e produtiva” que atravesa a cidade, e que se manifesta nunha “moi preocupante crise industrial”, tal e como visan os datos da última EPA nas que se recolle que no primeiro trimestre deste ano 2022 destruíronse 2 mil empregos industriais na cidade olívica. “Hoxe en Vigo continúa habendo 11.400 postos de traballo menos dos que había en 2009”.
“O futuro de Vigo non pasa por se converter nun parque temático friki do nadal, nin por ser estación de paso do Xacobeo. Temos que volver ser o pulmón industrial de Galiza pero iso esixe que a Xunta do PP exerza as súas competencias”, reclamou o portavoz municipal nacionalista.