O BNG de Vigo pide restrinxir o uso da pirotecnia de fin de ano na cidade
Demanda ao Goberno municipal que emita un bando no que se recomende con carácter xeral o uso de pirotecnia non acústica (luces), que se limite a súa detonación a unha faixa máxima de 15 minutos desde a media noite e que se prohiba facelo nas proximidades de centros hospitalarios, residencias de maiores e outros ámbitos sensíbeis
Xabier P. Igrexas: “Non ten ningún sentido que elementos que pretenden ser de celebración e festa acaben provocando sufrimento en persoas, animais e medio ambiente”
O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno municipal que emita un bando limitando o uso de pirotecnia durante a celebración do próximo fin de ano na cidade de Vigo.
Así vén de trasladar publicamente o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen alertou de que “a pirotecnia provoca claros prexuízos tanto en persoas sensíbeis, maiores ou con diversidade funcional, como tamén nos animais domésticos e na propia fauna silvestre”.
No caso das persoas está acreditado que sons fortes, como os que provocan os petardos e outro material pirotécnico, poden xerar problemas auditivos, ansiedade e tamén cadros de estrés que afectan negativamente na saúde e calidade de vida. Para os animais é ben coñecido o estado de alteración que produce o estrondo da pirotecnia, chegando a provocar neles crises graves que mesmo poden acabar en fallos cardíacos, tal e como acredita o informe técnico veterinario elaborado pola asociación profesional AVATMA.
Para Igrexas “non ten ningún sentido que elementos que pretenden ser de celebración e festa acaben provocando sufrimento nunha parte da nosa poboación, nos animais e tamén no propio medio ambiente polos seu efectos contaminantes”.
Bando municipal
De aí que a fronte nacionalista inste ao Goberno municipal de Abel Caballero a emitir un bando específico destinado a limitar o uso da pirotecnia de cara á celebración do fin de ano na cidade de Vigo.
No concreto, demandan que se estabeleza a recomendación xeral de non utilizar a pirotecnia acústica e apostar por alternativas de menor impacto, como a silenciosa e de luces. Ademais, defende que como mínimo debe limitarse, como xa se fai noutras cidades, o uso da pirotecnia a un máximo de 15 minutos desde a media noite. E propoñen tamén que se prohiba o uso de pirotecnia nas inmediacións de centros hospitalarios, residencias de maiores, refuxios de animais así como na proximidade de gasolineiras, depósitos de combustible ou gas, dependencias policiais ou de emerxencia.
“Trátase de medidas que xa se están a aplicar noutros concellos e que demostrarían un compromiso real coa inclusión, cunhas festas que sexan para todas e todos, e co respecto ao benestar animal”, explica Igrexas.
Medidas que, para o portavoz municipal nacionalista, deberan desenvolverse nunha nova ordenanza municipal sobre uso da pirotecnia co obxectivo de “colocar Vigo na vangarda da protección dos dereitos e do benestar de persoas e animais”.