O BNG esixe a Caballero que cumpra os acordos da moción aprobada en marzo fronte ao grave problema da vivenda en Vigo
A fronte nacionalista afea que o Goberno municipal non teña adoptado ningunha decisión despois de 3 meses do acordo plenario promovido polo Bloque para frear o aumento do prezo dos alugueiros e facilitar o acceso social á vivenda
Xabier P. Igrexas: “Os acordos plenarios non poden ficar en papel mollado, existe a obriga legal de dar cumprimento ás decisións aprobadas polo máximo órgano do Concello”
O Bloque Nacionalista Galego esixe Abel Caballero que execute os acordos da moción aprobada polo Pleno municipal en marzo con medidas para enfrontar o “grave” problema da vivenda en Vigo. A fronte nacionalista afea que o Goberno municipal non teña adoptado ningunha decisión despois de 3 meses deste acordo plenario promovido polo BNG cunha batería de 11 propostas para frear o aumento do prezo dos alugueiros e facilitar o acceso social.
“Os acordos plenarios non poden ficar en papel mollado, existe a obriga legal de dar cumprimento ás decisións aprobadas polo máximo órgano do Concello”, subliñou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen asegurou que non existe constancia de que se teña avanzado en ningún dos 11 puntos que incluían compromisos dirixidos ao Goberno español, á Xunta de Galiza e, sobre todo, ao Goberno local.
Igrexas lamentou que a única decisión coñecida polo momento é iniciar a licitación dun estudo sobre os prezos da vivenda na cidade. Un estudo que, a xuízo do Bloque, é unha “escusa” para demorar a solicitude para declarar Vigo como zona tensionada (un dos acordos recollidos na moción) malia existir datos oficiais do Instituto Galego de Vivenda e Solo que permiten “motivar sobradamente” esta medida do punto de vista legal.
Diante desta inacción, a fronte nacionalista vén de instar o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a que informe de maneira detallada de que accións ten adoptado ou cales ten previsto adoptar o Concello para executar este acordo do Pleno, así como reclamar a comparecencia da concelleira de Urbanismo no vindeiro Consello da Xerencia. “A Lei de Bases de Réxime Local fixa que os acordos do Pleno son vinculantes e, no mesmo sentido, a Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas estabelece que os actos administrativos teñen carácter obrigatorio”, lembrou.
O portavoz municipal do BNG advertiu de que “non podemos tolerar que Caballero, que leva 17 anos gobernando a cidade, continúe coa súa política de brazos caídos e ollando para outro lado” mentres son cada vez máis as familias traballadoras e as mozas e mozos que “non se poden permitir o luxo” de vivir en Vigo. Así, chamou a seguir o exemplo de concellos como Santiago de Compostela que si están tomando decisións para avanzar nas solucións e garantir o dereito á vivenda. “É o momento de actuar”, afirmou.
11 medidas fronte ao problema da vivenda
A moción do BNG aprobada polo Pleno municipal en marzo deste ano, coas abstencións dos grupos municipais de PSOE e PP, formulaba alternativas fronte ao “continuado e disparado” encarecemento dos alugueiros, que rexistran “máximos históricos” cun aumento do 48,46% durante a última década; a redución de vivendas dispoñíbeis polo “brutal avance do fenómeno ultraespeculativo” dos pisos turísticos e diante da falla dun parque público de vivendas na cidade.
Entre os puntos aprobados da moción nacionalista, destacou o compromiso para mobilizar as 22 mil vivendas baleiras que existen na cidade, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, co obxectivo de incorporalas nun parque público con alugueiros a prezos accesíbeis para a maioría social. Do mesmo xeito, recolle a posta en marcha unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social para desenvolver estas políticas, xunto cun Observatorio Local da Vivenda para fiscalizar a evolución do mercado.
O acordo plenario insta tamén á Xunta de Galiza a destinar no mínimo a metade das 1.600 vivendas previstas no Plan Parcial de Navia se destinen para alugueiros sociais. Con respecto ao Goberno español, dende o BNG urxiron do mesmo xeito a cumprir coa demanda de cesión das vivendas titularidade da Sareb (participada maioritariamente polo Estado) a usos sociais.
Zona tensionada e pisos turísticos
Outra das propostas aprobadas pasa por poñer en marcha un Plan Municipal Facilitador do Alugueiro, diante das crecentes dificultades e esixencias para acceder a unha vivenda, para que o Concello asuma e responda polos avais e seguros e cunha liña de axudas municipais para anticipar os pagos das fianzas.