Néstor Rego: “O Vigo de futuro precisa dun BNG con máis forza en Madrid”

Néstor Rego e Xabier P Igrexas en rolda de prensa
Néstor Rego e Xabier P Igrexas en rolda de prensa

Reactivación industrial, impulsar o naval recuperando a actividade en Vulcano, o investimento en infraestruturas prioritarias, como a saída sur de Vigo para a conexión con Porto ou a implantación do servizo de cercanías, entre os asuntos pendentes

Xabier P. Igrexas sinala a necesidade de contar en Madrid cun Grupo Galego forte para defender na próxima lexislatura con máis capacidade os intereses da Galiza e de Vigo

Néstor Rego: “O Vigo de futuro precisa dun BNG con máis forza en Madrid”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, realizaron un balance do traballo feito pola frente nacionalista nesta lexislatura en defensa dos intereses da cidade de Vigo. Destacan os logros conseguidos como a bonificación das peaxes da AP-9 para usuarios recorrentes, con especial énfase na gratuidade do tramo Vigo-Redondela, así como as numerosas iniciativas para a reactivación da actividade industrial en Barreras ou Vulcano. Alén do máis, sinalan as actuacións pendentes de realizar por parte do executivo, sobre todo en infraestruturas, como a saída sur de Vigo, a implantación do servizo de cercanías ferroviarias ou o cesamento das prácticas de asedio inmobiliario da SAREB e a súa cesión gratuíta para integralas no Parque Público de Vivenda.

O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P.Igrexas, puxo en valor o “magnífico traballo” realizado por Néstor Rego durante a lexislatura defendendo os intereses da cidade no Congreso. “Nesta lexislatura, os feitos deixaron claro que, para alén de exercer na práctica como único deputado galego no Congreso, Rego foi sempre unha voz firme e enérxica en defensa de Vigo”, afirmou.

Neste sentido, apuntou que “mentres que ás dúas deputadas viguesas do PSOE, Angeles Marra e Olga Alonso, e ao deputado vigués do PP, Diego Gago, non se lles coñeceu ningún traballo ou iniciativa en favor da cidade, o único deputado do BNG foi quen deu traslado no Congreso das principais necesidades de Vigo”.

“Mentres o BNG demandou durante este mandato aumentar en 167 millóns de euros o investimento do Estado na maior cidade de Galiza, o PSOE de Abel Caballero, xunto aos votos de Unidas Podemos, incluída Yolanda Díaz, tombaban as emendas do BNG aos orzamentos xerais do Estado, dicíndolle non unha e outra vez a Vigo e a Galiza”, exemplifica.

Mansedume servil de Abel Caballero

Igrexas afeou de maneira directa a “mansedume servil” do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que “sempre se pregou aos ditados dos seus xefes en Madrid defendendo o indefendíbel”, aludindo á “tomadura do pelo” da Biblioteca do Estado que nunca chega ou a “decisión insultante” de reducir a 30 mil euros a partida para a estratéxica Saída Sur.

“O que deixou rotundamente claro este mandato é que só un BNG determinante, cun voto decisivo no Congreso pode lograr que o Goberno español atenda as necesidades de Vigo”, proclamou Igrexas sinalando a necesidade de contar en Madrid cun Grupo Galego forte para defender na próxima lexislatura con máis capacidade os intereses da Galiza e de Vigo.

Por outra parte, o deputado do BNG lembra o “fito histórico” conseguido pola frente nacionalista, por medio do Acordo de Investidura, da bonificación das portaxes da AP-9 para usuarios recorrentes. “Por primeira vez na historia as persoas que utilizan esta vía pagaron a metade do habitual grazas ao desconto da viaxe de volta, e logramos tamén que o tramo entre Vigo e Redondela pasase a ser, por xustiza, gratuíto”. Mais, atendendo o contexto actual onde a Unión Europea declarou ilegais as prórrogas realizadas polos gobernos de PSOE e PP, a organización nacionalista avanza que “non descansará” até conseguir que “remate a estafa legalizada que supón a A-9” co obxectivo final de ter unha autoestrada “galega e libre de peaxes”.

Saída Sur 

No ámbito das infraestruturas, recorda Rego, existen asuntos pendentes “ante a falta de compromiso dos partidos que compoñen o Goberno do Estado” como a construción dos 35 quilómetros para finalizar a saída sur de Vigo. “O goberno luso estabeleceu como prioritario a conexión coa Galiza e o Eixo Atlántico mais o executivo español continúa a dar as costas a este clamor social. É hora de compromisos e actuacións reais” sinala.

Paralelamente, recorda as numerosas iniciativas –tanto en forma de pregunta, como en propostas non de lei e emendas nos diferentes proxectos de Orzamentos- que procuraban a implantación do servizo de cercanías ferroviarias na cidade de Vigo e a súa área de influencia. “A rexión urbana de Vigo-Pontevedra que conta uns 750.000 habitantes, incomprensibelmente non ten este servizo” denuncia o deputado nacionalista. Neste sentido, Rego reitera a necesidade de que o BNG conte na seguinte lexislatura cun Grupo Galego forte capaz de condicionar as políticas que leve a cabo o executivo estatal.

Vivenda

En materia de vivenda, alén de reclamar a cesión gratuíta de todos os activos que posúe a SAREB na Galiza para seren dedicadas a vivenda social, a frente nacionalista exixiu o cese do acoso inmobiliario en Vigo. “Os inquilinos dos inmóbeis da urbanización Privada Moderna, no Calvario, por exemplo, levan case cinco anos sufrindo o acoso da entidade. Unha praxe, propia dos fondos voitre, que non pode ser consentida e que vai en contra o dereito á vivenda” destaca Rego.

“Vigo debe recuperar o seu potencial industrial, por iso continuaremos a defender –da mesma forma que reclamamos ao longo desta lexislatura- o despregamento dun Plan de reactivación industrial e produtiva. Apostamos por unha decidida intervención pública ante o grave crise industrial” asevera Rego. Neste eido, a frente nacionalista aposta pola recuperación e reactivación naval, a través do centro de reparacións navais, a reactivación da construción naval en Vulcano e Barreras e a aposta pola investigación e a innovación coa modernización das instalacións do Centro Oceanográfico de Vigo e mais do Instituto de Investigacións Mariñas.

Por último, o deputado nacionalista sinala que o BNG neste proceso electoral renova o seu compromiso coa cidadanía galega de actuar en tres ámbitos fundamentais, defender os intereses da Galiza, impulsar políticas sociais avanzadas e contribuír para frear a dereita e a ultradereita. “Estamos convencidos de que, igual que aconteceu hai catro anos, os votos do BNG serán chave para conseguir que a dereita non goberne no Estado español” conclúe Néstor Rego. 

Néstor Rego: “O Vigo de futuro precisa dun BNG con máis forza en Madrid”