O BNG de Vigo esixe que a Autoridade Portuaria deixe de “boicotear e sabotar” o futuro de Vulcano
- O concelleiro, Xabier P. Igrexas, volveu instar o Goberno municipal de Vigo a que se dirixa de inmediato á Autoridade Portuaria para que facilite a continuidade do estaleiro.
- Para a fronte nacionalista a permanencia de López Veiga á fronte do porto é un “insulto á cidade”.
O Bloque Nacionalista Galego instou o Goberno municipal de Vigo a que se dirixa "de inmediato" á Autoridade Portuaria para esixir que cese no seu "boicot e sabotaxe" contra Vulcano. Así o explicou esta mañá o concelleiro, Xabier P. Igrexas, reiterando a demanda que xa realizou na Comisión Informativa de Economía e no último Pleno do Concello.
Igrexas acusa o presidente da Autoridade Portuaria, o popular Enrique López Veiga, de "poñer paus nas rodas" para impedir que o estaleiro poida continuar coa súa actividade e o mantemento do emprego. "Cada vez que xorde unha opción de futuro que poida asegurar a continuidade da actividade e do emprego, López Veiga afánase en poñer todo tipo de reparos e problemas en lugar de favorecer que Vulcano evite o seu feche", denunciou.
Neste sentido, o edil nacionalista pide que o Goberno municipal "pase á ofensiva" e esixa a Autoridade Portuaria que preste todas as facilidades no que ten a ver co uso do dominio público e o acceso á lámina de auga. "Falamos dunha empresa que representa, directa e indirectamente, máis de mil postos de traballo nun sector estratéxico para a nosa cidade e comarca", explicou.
Para o Bloque "cada minuto que López Veiga permanece no cargo, cada minuto que Feixóo non propón o seu cesamento e o Goberno español consinte este tipo de actuacións, é un insulto á cidade de Vigo", remachou o seu portavoz municipal.