O BNG de Vigo cualifica de “estafa” a xestión do Goberno de Caballero con 152 millóns sen gastar en 2022
A fronte nacionalista cuestiona no Pleno a “crónica” inexecución orzamentaria do Goberno municipal, que ascende a 436 millóns de euros durante os últimos catro exercicios
Xabier P. Igrexas: “Son o Goberno da propaganda pagada con abundante diñeiro público porque prometen e prometen pero despois non fan: iso non é aforro, é incumprimento”
O Bloque Nacionalista Galego cualifica de “estafa” a xestión do Goberno de Abel Caballero por deixar sen executar 152 millóns de euros en 2022. Así o afirmou este luns o portavoz do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante o debate no Pleno municipal para a aprobación da Conta Xeral do pasado ano que, a xuízo das nacionalistas, retrata de “maneira moi clara o desgoberno a pesar dos esforzos do concelleiro de Facenda por torturar os números”.
Igrexas cuestionou a “crónica” inexecución orzamentaria do Goberno municipal, que ascende a 436 millóns de euros durante os últimos catro exercicios. “Iso non é aforro, é incumprimento; non é eficiencia, é incompetencia”, replicou o voceiro do BNG diante dos argumentos da bancada socialista asegurando que os investimentos se proxectan de forma plurianual. “Nunca na historia da cidade un Goberno dispuxo de tantos recursos e, tendo tanto, fixo tan pouco”, engadiu.
O portavoz nacionalista salientou algunhas das partidas que poñen en evidencia esa “inexecución olímpica”. Nese sentido, denunciou que o pasado ano quedaron sen gastar case 9 millóns de euros do capítulo de persoal malia que o Concello ten máis de 300 prazas municipais pendentes de adxudicar. “Menos persoal público supón peores servizos para a veciñanza”, lamentou, poñendo como exemplo o caso da oficina de servizos sociais de Teis, pechada en numerosas xornadas durante os últimos meses por falla de persoal.
Referiuse tamén Igrexas ao capítulo de investimentos como un “indicador irrefutábel do alcance da estafa” do Goberno de Abel Caballero, con case o 70% sen executar. Así, dos 29 proxectos de humanización recollidos no orzamento de 2022, en 13 actuacións non se chegou a gastar nin a metade do previsto e a outras 9 non se destinou nin un só euro.
Denunciou ademais a falla de compromisos en política de emprego malia a “grave” situación que se vive na cidade, con 9.500 postos de traballo menos dos que existían no ano 2009. Así, o voceiro do BNG afeou que dos 1,2 millóns do Plan Municipal de Emprego apenas se executaron 27 mil euros, mentres que nas partidas para inserción laboral xuvenil e para mulleres en situación de violencia machista foi de cero euros.
Na mesma liña, criticou que nun momento de agravamento da crise e de carestía de prezos, cun aumento da pobreza e do empobrecemento na cidade, o Goberno local “se permitira o luxo” de deixar sen executar case medio millón de euros en axudas sociais municipais. “Supoñemos que esa é a xustificación para recortar nun 22% esas axudas este 2023”, dixo.
Outro dos aspectos cuestionados pola fronte nacionalista foi o modelo “privatizador” do Goberno de Caballero. “Son verdadeiros campións conseguindo que o Concello de Vigo destine hoxe 2 de cada 3 euros das viguesas e vigueses para que acaben nos petos de empresas concesionarias e contratas privadas”, lamentou Igrexas.
“Son o Goberno da propaganda pagada con abundante diñeiro público porque prometen e prometen, a golpe de infografías e titulares, pero despois non fan”, resumiu o portavoz do grupo municipal do BNG de Vigo. “Por iso non imos aprobar unha Conta Xeral que demostra este Goberno non está á altura das necesidades das viguesas e vigueses”, remachou.