O BNG de Vigo urxe reforzar o mantemento de Peinador para evitar novos peches até a renovación da pista

Fochanchas na pista de Peinador en marzo de 2023 [Imaxe: @controladores]
Fochanchas na pista de Peinador en marzo de 2023 [Imaxe: @controladores]

A fronte nacionalista demanda un Plan de Dinamización do aeroporto con medidas como a mellora dos accesos, a conexión intermodal e cun bus directo, a apertura da terminal as 24 horas e potenciar o transporte de mercadorías

O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, lamenta as negativas continuas dos Gobernos español e galego a desenvolver estas melloras no grande aeroporto do sur de Galiza
 

O BNG de Vigo urxe reforzar o mantemento de Peinador para evitar novos peches até a renovación da pista

O Bloque Nacionalista Galego urxe reforzar o mantemento do aeroporto de Peinador para evitar novos peches da terminal. A fronte nacionalista pide a Aena que intensifique os traballos até que se inicie a renovación integral da pista de aterraxe, anunciada para maio de 2024, para que non volva quedar inoperativa pola aparición de fochancas, como ocorreu o pasado marzo por terceira vez en apenas ano e medio.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurou ademais que aproveitando este investimento “é o momento” de mellorar a terminal do sur de Galiza cun Plan de Dinamización. Unha proposta que as nacionalistas levan anos demandando, a través de emendas aos Orzamentos Xerais do Estado, pero que toparon sempre coa negativa dos sucesivos Gobernos españois e coa total inacción por parte da Xunta de Galiza.

“É hora de apostar decididamente por Peinador, e iso esixe un compromiso firme e claro dos Gobernos español e galego para potenciar o aeroporto da área económica máis importante de Galiza”, defendeu Igrexas

Entre as medidas propostas, o voceiro do BNG reclamou mellorar os accesos viarios á terminal viguesa e tamén a súa conexión intermodal, tanto coas estacións de tren como coa posta en marcha dun servizo de bus directo, como existe no resto de aeroportos galegos. No mesmo sentido, chamou a tomar as medidas necesarias para permitir a apertura do aeroporto durante as 24 horas do día, e non só durante unha parte da xornada.

Dende a fronte nacionalista consideraron ademais “absolutamente estratéxico” desenvolver as potencialidades de Peinador como terminal loxística e de mercadorías. “Para evitar situacións como, por exemplo, que o peixe que se descarga no Porto de Vigo viaxe en avión dende outros aeroportos do Estado”, salientou Igrexas.

O BNG de Vigo urxe reforzar o mantemento de Peinador para evitar novos peches até a renovación da pista