O BNG de Vigo reclama explicacións de Abel Caballero polo “enésimo” atraso na reforma de Balaídos

Estado da grada de Marcador o 12 de marzo, data anunciada para o remate da obra
Estado da grada de Marcador o 12 de marzo, data anunciada para o remate da obra

A fronte nacionalista pide a comparecencia do alcalde no próximo Pleno municipal diante da “última promesa incumprida” sobre a grada de Marcador e os sobrecustos da obra

Xabier P. Igrexas: "Caballero prometeu o Guggenheim do fútbol e en realidade imos camiño de ter unha mala copia da Sagrada Familia"

O BNG de Vigo reclama explicacións de Abel Caballero polo “enésimo” atraso na reforma de Balaídos

O Bloque Nacionalista Galego reclama explicacións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, polo “enésimo” atraso na reforma do estadio de Balaídos. A fronte nacionalista pide a comparecencia do rexedor no próximo Pleno municipal diante das “constantes demoras e improvisación” nunha obra que tería que estar concluída hai cinco anos e pola metade do custo que agora se estima.

“Caballero ten que dar conta sobre este gran fiasco que está a ser a reforma de Balaídos”,  demandou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. Nese sentido, reprochou a “última promesa incumprida” do alcalde, que anunciara que a grada de Marcador estaría operativa este pasado domingo. “A realidade está moi lonxe dese anuncio”, lamentou.

A este novo atraso nas obras de Marcador, Igrexas advertiu de que “non se sabe absolutamente nada” do proxecto para a reforma da grada de Gol, que non conta aínda con ningunha partida orzamentaria. Nese sentido, o edil nacionalista lembrou que o alcalde anunciou hai case unha década que o novo Balaídos estaría listo entre os anos 2017 e 2018.

“Caballero prometeu o Guggenheim do fútbol e o que estamos a ver é unha mala copia da Sagrada Familia, con atrasos constantes, unha improvisación total e unha chapuzada permanente”, criticou o candidato do BNG.

Denunciou que o custo da reforma se duplicou neste tempo, pasando dos 25 millóns de euros estimados no inicio até os 50 millóns actuais

Igrexas subliñou que esta reforma é o maior investimento nunha obra municipal dos últimos anos, polo que chamou a rematar coa “propaganda e as promesas ocas” por parte do Goberno local. “É momento de que Abel Caballero dea a cara diante do Pleno para darlle explicacións á cidade, a principiar polos seareiros e seareiras do Celta”, reclamou.

O BNG de Vigo reclama explicacións de Abel Caballero polo “enésimo” atraso na reforma de Balaídos